Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 3 xaneiro 2026.- Os ataques producidos nesta madrugada polo exército dos EUA contra a cidade de Caracas e outros puntos do territorio da República Bolivariana de Venezuela constitúen unha agresión militar que vulnera o Dereito Internacional, nomeadamente a Carta das Nacións Unidas, e supoñen unha gravísima ameaza contra a paz e a seguridade a nivel rexional e internacional.
Diante destes feitos desde a Executiva Nacional do BNG expresamos o seguinte:
1. A nosa rotunda e enérxica condena contra esta agresión que supón um uso ilexítimo e ilegal da forza e que se insire na violenta escalada belicista promovida polos Estados Unidos de América. Unha escalada alentada polo afán imperialista de se apropiar dos recursos estratéxicos de Venezuela, así como por recuperar o control neocolonial da América Latina.
2. O noso apoio ao pobo da Venezuela e a súa institucionalidade democrática, ratificándonos no noso compromiso internacionalista, antiimperialista e pacifista.
3. A demanda dunha resposta inmediata e firme por parte dos organismos multilaterais, a principiar pola ONU, e do conxunto da Comunidade Internacional esixindo a fin destes actos de agresión e a preservación da paz, a seguridade e o estrito respecto á soberanía e integridade da República Bolivariana de Venezuela.
4. Reclamar unha condena clara desta agresión militar por parte da Xunta de Galiza e do Goberno español, así como o despregamento de todas as accións precisas para ofrecer apoio e protección á poboación galega residente en Venezuela.
5. Chamar ao pobo galego a expresar a súa solidariedade con Venezuela e a defender a paz, esixindo a resolución de calquera conflito a través da diplomacia e sempre desde o respeito á autodeterminación dos pobos e á súa soberanía.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)