AD

Actualidad

O BNG denuncia que a Xunta queira condenar a Touro e O Pino a un «desastre medioambiental e económico»

today29 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

  • Critica que volva tramitar o mesmo proxecto mineiro que foi denegado polo seu impacto ambiental
  • A deputada nacionalista, Iria Carreira, di que o proxecto responde ao «modelo de expolio do PP»

Touro, 29 de novembro de 2024.- O BNG denuncia que o PP está a promover de novo desde a Xunta de Galiza un proxecto mineiro que suporá un desastre medioambiental e económico para os concellos de Touro e o Pino, denegado hai dous anos polo seu impacto ambiental. A deputada nacionalista, Iria Carreira, mostra o seu rexeitamento a un modelo «de espolio que suporá un importante prexuízo medioambiental e económico»

A publicación no DOG do pasado 22 e novembro da apertura da exposición pública do proxecto da mina de cobre nos concellos de Touro e O Pino solicitado por Cobre San Rafael supón, para o BNG, «un novo engano xa que é o mesmo proxecto do 2017 que tivo unha declaración de impacto ambiental negativa en febreiro de 2020 pola afección ás augas do Ulla-Deza, o que supuxo a denegación por parte da consellaría de Industria en 2022».

«Non entendemos que, despois da denegación do proxecto hai dous anos, volvan agora co mesmo plan, e coas mesmas consecuencias devastadoras para Touro e o Pino fundamentalmente, é unha burla para as veciñas e veciños destes concellos», sinala o concelleiro do BNG en Touro, Xan Louzao.

O BNG denuncia que a Xunta volva tramitar o mesmo proxecto que xa foi denegado e o faga precisamente «co cambio da súa declaración como Proxecto industrial estratéxico (PIE) en xuño deste mesmo ano cando se mantén o mesmo proxecto mineiro coa mesma forma de explotación e terreo afectado -mesmo máis-, igual cantidade de entulleiras e afección de augas».

Neste sentido, a deputada nacionalista, Iria Carreira, demandará á Xunta no Parlamento de Galiza a retirada do proxecto porque «non é comprensíbel que un proxecto con declaración de impacto ambiental negativa pase a ser declarado estratéxico».

«Trátase dunha nova ameaza ambiental, un novo proxecto de espolio que supón unha grave destrución a nivel ambiental mais tamén para os sectores produtivos, tanto agrícola como gandeiro no territorio afectado como tamén para o sector marisqueiro e pesqueiro na Ría de Arousa», explica Iria Carreira.

Para a deputada nacionalista, o proxecto enmárcase na «política colonial que practica o Partido Popular desde a Xunta de Galiza que nos reduce a unha terra de sacrificio onde as empresas veñen a nutrirse das nosas riquezas naturais sen deixar beneficios para a poboación galega», nun modelo nas antípodas do que o BNG defende «apostando por un desenvolvemento xusto en que a riqueza estea nas mans do pobo galego e o aproveitamento dos nosos recursos naturais vaia en beneficio da nosa poboación».

Graves consecuencias

As consecuencias para os concellos de Touro e O Pino son, segundo Xoán Louzao, moi graves xa que se «eliminarán captacións de auga particulares e que abastecen aos propios concellos mentres que no proceso se consumen enormes cantidades de auga que será captada no mesmo punto no río Lañas onde a capta o concello de Touro. Estamos ante un proxecto de megaminería con afección ao solo e as augas e ao ar enorme».

O proxecto afectaría aos concellos de Touro e o Pino máis ao de Arzúa e Vila de Cruces pola liña de alta tensión que se necesita dende o encoro de Portodemouros. Precisaríanse expropiar un total de máis de 1.700 bens, no que se inclúen camiños, estradas municipais e da Xunta e desvío de ríos. A superficie afectada é de 812,2 Has. (no proxecto do 2017 a afección era de 689 Has) das cales aproximadamente o 70% son terreos forestais ou agrícolas. Trátase dun proxecto de minería a ceo aberto onde se pretende extraer 267 millóns de toneladas de material para obter 420.000 toneladas de cobre durante 16 anos.

Ademais é necesario construír unha enorme entulleira de lodos en terreos agrícolas e forestais de 126 Has con unha altura de 81 metros a menos de 500 m da aldea de Arinteiro (Loxo-Touro).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%