Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 enero, 2025
A mítica banda Ruxe Ruxe está a piques de celebrar os seus 30 anos de traxectoria, que se cumprirán en 2026. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, Vituco e Xan falaron do seu novo disco Xabral, da situación do rock galego e do papel dos medios de comunicación públicos na difusión da música do país.
Dende os seus inicios en 1996, Ruxe Ruxe apostou polo galego como lingua vehicular da súa música. «Nunca foi unha decisión. Foi algo natural, algo propio», explicou Vituco, vocalista da banda.
Aínda que recoñecen que non teñen problema en facer algún tema noutro idioma –de feito, en Xabral inclúen unha canción en inglés–, aseguran que a súa identidade está no galego: «É a lingua na que pensamos, na que sentimos, na que vivimos», afirmou Xan.
A pesar do boom da música tradicional en Galicia, con foliadas multitudinarias e un auxe do folk contemporáneo, os membros de Ruxe Ruxe cren que o rock galego está nun momento complicado. «Hai unha paréntese co rock, sobre todo co das bandas clásicas. Costa máis programalas en certos festivais porque agora hai outras modas», explicou Vituco. Con todo, móstrase optimista: «O rock sempre estivo aí e agora mesmo está repuntando a nivel mundial. En Galicia sempre imos un pouco tarde, pero acabará chegando».
Ao longo da súa historia, Ruxe Ruxe caracterizouse por non morderse a lingua á hora de falar de política e denunciar inxustizas. «Non nos cortamos de opinar, e moitas veces xogou en contra nosa», recoñeceu Vituco.
Un exemplo claro é a súa oposición ao proxecto industrial de Altri en Palas de Rei: «O noso coñecemento da situación dinos que é unha animalada medioambiental. Sabemos a quen vai prexudicar: á xente do común que vive e traballa aquí».
Na entrevista, Vituco tamén fixo unha reflexión sobre o papel dos medios de comunicación públicos en Galicia e a falta de apoio á música do país: «Os medios públicos deberían funcionar doutra maneira. Deberían facer un seguimento real da música galega, con programas dirixidos por xente preparada que estea atenta a todo o que acontece. Para iso son medios públicos, para apoiar a cultura do país. Pero agora mesmo iso non está a pasar».
Segundo o músico, esta falta de cobertura prexudica especialmente aos artistas galegos que loitan por visibilidade nun mercado dominado por tendencias externas. «Afortunadamente, en radios como esta (Radio Líder Santiago) aínda podemos escoitar bandas locais», engadiu.
Manter unha banda durante case 30 anos non é tarefa doada. «Non tiñamos nin idea de que iamos durar tanto», confesou Xan. «Non temos un plan fixo, imos deixando que as cousas nos leven. Pasámolo ben no ensaio, e iso é fundamental».
Sobre a clave do seu éxito, Vituco e Xan resúmeno así: «O bo de Ruxe Ruxe é que nunca fomos un grupo de moda, e iso é unha sorte, por eso seguimos ruxindo 30 anos despois».
A banda está actualmente de xira por Galicia, con concertos en Ferrol, Boiro, Cambados, Lugo e Melide, entre outras vilas. A súa actuación en Casa das Crechas en Santiago este 31 de xaneiro e 1 de febreiro esgotou as entradas en cuestión de días, demostrando que o seu público segue fiel tras case tres décadas.
E sobre o 30 aniversario en 2026, lanzan unha incógnita: «Algo faremos, quizais un novo disco, un concerto especial… ou tocar na Catedral cun piano de cristal!», bromearon.
O que está claro é que Ruxe Ruxe segue con forza, co galego por bandeira e o rock como esencia. Seguiremos escoitando os seus rugidos moitos anos máis!
Tes a entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
compostela Entrevista galicia musica radio lider santiago rock ruxe ruxe xabral
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)