AD

Comarca

O ‘Cancioneiro popular do Concello de Rois’ recolle máis de 3.000 cantigas populares

today27 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

 

  • Clodio González Pérez recompilou as pezas durante máis de trinta anos e dedícalle o libro “ás mulleres e homes que fixeron posible este cancioneiro, especialmente ás avoas do alumnado dos colexios de Urdilde e de Rois”
  • O alcalde, Ramón Tojo, asegura que a obra “é moito máis ca unha publicación. É memoria viva, identidade compartida e patrimonio colectivo que temos que preservar e transmitir”.
  • Valentín García: “Moi poucos concellos teñen un cancioneiro deste volume e que recolle variantes de cada aldea. Hai que ser orfebre para facer iso”
  • Agrupacións roisenses interpretaron algunhas das pezas do libro nun auditorio municipal cheo de xente

Rois. 27-2-2026. Máis de 3.000 cantigas que se cantaban nas aldeas roisenses durante o século pasado, con variantes por cada lugar, son as que aparecen recollidas no Cancioneiro popular do Concello de Rois, que o seu autor, Clodio González Pérez, lle dedica “ás mulleres e homes que fixeron posible esta obra, especialmente ás avoas do alumnado dos dous colexios de Rois”. Na presentación da obra, que recolle coplas con máis de cen anos, participaron as agrupacións locais OCT Chorima, as Pandeireteiras de Ermedelo, as Repeniqueiras de Urdilde e as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, que interpretaron algunhas das coplas recollidas no libro.

“Trátase dunha obra que representa moito máis que unha publicación. É memoria viva identidade compartida e patrimonio colectivo que debemos preservar e transmitir”, asegurou o alcalde, Ramón Tojo durante a presentación, celebrada este xoves nun auditorio municipal cheo de xente.

O secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia tamén resaltou o traballo do autor e académico correspondente da Real Academia Galega. “Tedes un tesouro. Moi poucos concellos teñen un cancioneiro deste volume”, lles dixo a todas as persoas asistentes. “O libro recolle as variantes das coplas en cada aldea. Trátase dun traballo titánico e hai que ser un orfebre para facer isto”, afirmou Valentín García, que asegurou que “algunha das cantigas que están no libro ten máis de cen anos e hoxe en día cántallas Treixadura nas romarías á sente xove”.

Na presentación tamén estiveron presentes Milagres das Neves Romero Susavila e Xabier Campos Vilar que, xunto con Noa Campos Codesido, formaron parte do equipo editor do Cancioneiro popular do Concello de Rois, editado por editorial Toxosoutos. Como equipo revisor e corrector do libro tamén participaron no libro Inmaculada Seage e Anayansi Singh, normalizadora lingüística e animadora cultural do Concello de Rois.

Clodio González (Cenlle, Ourense, 1947), chegou de mestre ao colexio público de Urdilde en 1979, cando aínda moitos pais e nais do alumnado participaban nas foliadas que se organizaban os domingos nas aldeas. O autor do libro lembra como “a señora Lourdes de Leroño, que aínda vive, aseguroume que as foliadas organizábanas as mulleres para poder atraer os homes”. Era nesas xuntas onde agromaban os primeiros amores, moitos dos cales remataban en matrimonio.

Nesa época, Clodio González comezou a recompilar esas coplas. “Facilitáronmas as familias do alumnado, sobre todo as propias avoas. Había señoras que tiñan o repertorio copiado en libretas para cantar nas romerías”, indicou. Este traballo de buscar, xuntar estas estrofas, coplas e cancións continuou durante máis de trinta anos. “O cancioneiro non é exclusivo de Rois, pois hai coplas que se cantan noutros puntos de Galicia e incluso que chegaron dende Portugal”, dixo o autor, que recolle no libro tamén as variantes que se facían nas diferentes aldeas ou lugares dunha mesma estrofa.

Tras lembrar outras obras escritas por Clodio González, que tamén foi pregoeiro das Festas do Santo Isidro en 2018, o alcalde, Ramón Tojo, asegurou que coa publicación do cancioneiro “hoxe vólvemos ofrecer unha peza imprescindible para entender a nosa alma colectiva a través da música e da palabra transmitida de xeración en xeración”.

Este cancioneiro “é o eco das voces das nosas avoas e dos nosos avós, das festas, das foliadas, dos labores do campo e das celebracións que marcaron a vida comunitaria en Rois”, asegurou Ramón Tojo. Lembrou o alcalde que esta e outras iniciativas do Concello de Rois parten dun mesmo compromiso, “preservar, dignificar e transmitir a nosa tradición musical e oral ás xeracións vindeiras”.

“A cultura tradicional non é algo estático nin pertencente ao pasado. É unha herdanza que debemos coidar, valorar e transmitir”, afirmou Ramón Tojo, antes de darlle as grazas por este traballo a Clodio González Pérez e a todo o equipo que participou na edición deste cancioneiro.

Tamén Valentín García considerou o acto e a publicación do propio libro como unha “festa da cultura e da lingua galega”, ao tempo que recoñeceu o “esforzo do equipo do departamento de Cultura do Concello de Rois”.

No acto tamén participaron as agrupacións musicais e vocais de Rois, que interpretaron algunhas das coplas que aparecen no libro. Abriu e pechou o acto o OCT Choriza, e actuaron as Pandeireteiras de Ermedelo, as Repeniqueiras de Urdilde e as Cantareiras das Amas de Casa de Rois. Ao rematar, todas as persoas presentes compartiron uns petiscos para seguir “conversando, celebrando e facendo comunidade”, como dixera o alcalde.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *