AD

Actualidad

O CEIP Monte dos Postes denuncia a falta de profesorado especializado para atender á diversidade

today23 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O CEIP Monte dos Postes continúa a reclamar máis recursos educativos especializados para garantir unha atención adecuada á diversidade do alumnado. Dende principios de curso, o centro vén solicitando á Consellería de Educación un aumento do profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), sen que ata o momento estas demandas obtivesen resposta.

A situación resulta especialmente preocupante porque, segundo denuncian dende o centro, actualmente hai máis alumnado con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% e, porén, menos recursos especializados para atendelo. Na actualidade, o CEIP Monte dos Postes conta unicamente con 1,5 docentes de PT e 1 de AL, unha dotación que consideran claramente insuficiente para responder ás necesidades reais do alumnado e facer efectiva a súa inclusión.

No centro escolarízanse nenas e nenos con necesidades educativas especiais moi diversas, entre elas trastorno do espectro autista (TEA), discapacidade intelectual, discapacidade motora ou trastornos graves de conduta e do desenvolvemento. Cada un destes casos require unha atención específica, con apoios adaptados ás súas características e necesidades concretas.

Entre as intervencións necesarias atópanse o apoio na comunicación, as adaptacións de acceso ao currículo, o reforzo da autonomía persoal, o acompañamento nas rutinas diarias, a intervención específica na linguaxe, así como a estruturación do espazo e do tempo e unha atención máis individualizada. Segundo sinalan dende a comunidade educativa, estes apoios son fundamentais para garantir non só a aprendizaxe, senón tamén a participación real do alumnado na vida do centro.

A falta de recursos está a provocar, ademais, importantes consecuencias no día a día do colexio. As horas de atención dispoñibles non chegan para cubrir todas as necesidades existentes, o que se traduce en alumnado sen a resposta educativa que precisa e nun profesorado cada vez máis desbordado e sobrecargado. Esta situación, advirten, tamén repercute negativamente na calidade da atención educativa do conxunto do alumnado.

Dende o CEIP Monte dos Postes aseguran que manterán as mobilizacións ata seren escoitados. Aínda que recoñecen que para este curso xa non teñen moitas esperanzas de conseguir unha ampliación dos recursos, afirman que seguirán loitando para que no vindeiro curso o centro conte cos medios humanos necesarios para garantir unha educación inclusiva, digna e de calidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *