Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volve alertar sobre a situación da atención pediátrica no centro de saúde de Conxo, onde actualmente non se garante a asistencia presencial diaria para a poboación infantil adscrita, tras a previsión dunha baixa prolongada do único pediatra asignado.
A entidade lembra que xa nos anos 2018, 2020 e 2021 denunciara publicamente demoras superiores a un mes nas revisións pediátricas obrigatorias por idade. Aínda que nos últimos tempos o centro foi dotado cun pediatra máis ou menos estable, a situación volve repetirse: desde o pasado 20 de xaneiro, a atención presencial limítase aos martes e xoves, mentres que o resto dos días os nenos e nenas son derivados ao centro de saúde Concepción Arenal, o que, segundo a asociación, supón un claro empeoramento das condicións de acceso ao servizo.
M.M.S., pai dunha nena de 9 anos adscrita ao servizo de pediatría de Conxo, asegura que foi informado telefonicamente da cancelación dunha cita prevista para o 2 de febreiro e da inexistencia dun pediatra asignado ao centro “nun longo tempo”. Ademais, indica que desde o propio centro de saúde lle confirmaron que, a día de hoxe, non consta oficialmente ningún facultativo de pediatría asignado.
Desde a Asociación de Pacientes subliñan que tanto a xerencia da área sanitaria Santiago-Barbanza como o SERGAS teñen a obriga legal de garantir unha atención pediátrica continuada á poboación infantil de entre 0 e 14 anos. Advirten de que a falta de cobertura das vacantes e os atrasos asistenciais vulneran dereitos fundamentais recoñecidos tanto na Convención dos Dereitos do Neno como na Lei Xeral de Sanidade e na Carta Europea dos Dereitos do Paciente.
A entidade considera que, de manterse esta situación, estaríase ante unha grave irresponsabilidade na xestión sanitaria e un acto de discriminación por razón dos medios dispoñibles. Por iso, fan un chamamento a todas as familias con nenos adscritos ao servizo de pediatría do centro de saúde de Conxo para que denuncien os feitos e se poñan en contacto coa asociación co fin de avaliar posibles accións como persoas afectadas.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)