Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 febrero, 2026
O Club Vía Láctea atravesa un momento de consolidación e crecemento tras máis de dúas décadas de traxectoria vinculada ao deporte e á natureza en Santiago de Compostela. Así o explicou a súa presidenta, María José Rodríguez, nunha entrevista en Radio Líder Santiago, na que repasou as distintas etapas dunha entidade que soubo adaptarse co paso do tempo sen perder o seu espírito asociativo.
O club naceu o 29 de xullo de 1999 en Castrón Douro, coincidindo coa inauguración do Multiusos Fontes do Sar, cunha oferta inicial de actividades deportivas como natación, tenis ou fútbol. Anos despois, en 2008, produciuse un punto de inflexión coa realización do Camiño Portugués ao seu paso por Conxo. “Ese Camiño marcou un antes e un despois e levounos a seguir facendo andainas e rutas”, explicou Rodríguez.
A partir dese momento, o sendeirismo pasou a ser a actividade central do club, cunha intensa implicación na promoción dos Camiños de Santiago e na organización de rutas que chegaron a mobilizar centos de persoas. Nos anos seguintes, o Club Vía Láctea consolidou unha programación estable e abriu a porta a novas disciplinas, mantendo sempre un forte vínculo co territorio.
Un dos pasos máis relevantes foi a incorporación da marcha nórdica en 2018, unha modalidade pouco coñecida daquela en Galicia e que esixiu un importante labor de divulgación. “Custou moito dala a coñecer, pero hoxe podemos dicir que somos unha referencia a nivel autonómico”, sinalou a presidenta. O club combina actualmente formación, práctica regular e participación en competicións, aínda que segue a ser un reto achegar esta disciplina á poboación máis nova.
Nos últimos anos, o Club Vía Láctea deu un novo salto coa integración de actividades de montaña como a escalada, o montañismo ou o barranquismo, grazas ao acordo alcanzado con Inclube, o club de escalada de Santiago. Unha fusión que, segundo explicou Rodríguez, supón unha continuidade do traballo realizado ata agora. “Non é un final, é unha continuidade; queremos escoitar ás persoas socias e saber que necesita a montaña na cidade”, afirmou.
Este impulso reflíctese tamén no número de persoas asociadas. O club pasou de pouco máis de cen socios hai uns anos a superar na actualidade os 175, un crecemento rápido que trae consigo novas necesidades. Entre elas, a máis urxente é dispoñer dun local axeitado para gardar material técnico de escalada e alpinismo, fundamental para garantir a seguridade e o bo estado do equipamento.
Na actualidade, o Club Vía Láctea ten a súa sede no Centro Sociocultural de Conxo, un espazo desde o que coordina a súa actividade diaria e mantén o contacto coa veciñanza e co tecido asociativo do barrio.
Ademais da actividade deportiva, o club mantén unha estreita relación co medio natural, incorporando propostas como a horticultura e actividades formativas vinculadas á natureza máis próxima. A programación complétase con saídas dun día, fins de semana, viaxes fóra de Galicia e unha gran saída anual internacional, que en 2026 terá como destino Albania, nunha proposta que combina sendeirismo e contido cultural.
Desde a entidade animan á cidadanía a achegarse e coñecer o club de primeira man. “Todo o mundo pode vir, probar e preguntar; estaremos encantados de recibilos”, concluíu María José Rodríguez durante a entrevista.
Escrito por Líder Redacción
Club Vía Láctea Santiago Deporte local Santiago Marcha nórdica María José Rodríguez Club Vía Láctea Santiago de Compsotela Senderismo y marcha nórdica Santiago sicilia in bocca


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)