Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2025
Redacción, 1 de outubro de 2025.- “O comercio local non é so mercar: é visitar, é participar, é formar parte”, asegura con paixón Vanessa Alvite, vicepresidenta da Asociación Comercio Punto Compostela e empresaria do sector da xoiería. Nunha entrevista concedida a Radio Líder Santiago, Alvite fixo un repaso entusiasta pero realista pola situación do comercio na cidade, coincidindo coa clausura da campaña Merca e Gaña, que celebra a súa sétima edición cunha ampla participación cidadá e 25 comercios implicados.
Con máis de 200 negocios asociados, a entidade promoveu accións de fidelización como a APP Puntos Compostela, sorteos de ata 2.000 euros, e campañas que, segundo Alvite, “funcionan porque están pensadas con cariño e implicación real”. A campaña de setembro tivo como colofón unha gala final con premios e sorteos nun formato que combina economía local, emoción e comunidade. “Hai clientas que repiten todos os anos porque rexistran moitos tiques. Son campañas que xa están arraigadas”, explicou.
“Se Santiago funciona, todos temos máis posibilidades de funcionar”
A entrevista abordou tamén cuestións de fondo. Alvite non dubida en sinalar os problemas estruturais: alugueiros elevados, falta de relevo xeracional, burocracia excesiva e o estado lamentable de infraestructura e suciedade dalgunhas rúas, como Alfredo Brañas. “Chamáronlle Boulevard, pero o que hai son valdosas rotas e contedores con cheiros. Así non anima a pasear, e se a rúa non anima, non anima o consumo”.
Alvite defendeu que o comercio compostelán debe recuperar o seu lugar como referente. “Se conseguimos que a xente veña de compras a Santiago, todos gañamos. Non é o meu comercio, é o comercio de todos”, subliñou, ao tempo que recalcou que a adaptación é clave: “Hoxe vendemos moito por WhatsApp. O cliente quere rapidez, confianza e trato humano. Iso tamén é comercio local no século XXI”, lanzando unha mensaxe común, «non podemos vivir lembrando como era o comercio hai 30 anos».
Escrito por Líder Redacción
comercio local comercio punto compostela Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)