Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A SD Compostela anunciou a saída de José Luis Míguez Iglesias, “Luisito”, como adestrador do primeiro equipo tras os últimos resultados na competición. A directiva toma esta decisión co obxectivo de buscar un cambio de rumbo para loitar pola permanencia na Segunda Federación.
O club agradece a Luisito o seu traballo e compromiso durante a súa etapa á fronte do equipo, lamentando que os resultados non fosen os desexados. “Moitas grazas e moita sorte para o futuro”, concluíu o comunicado oficial.
Para afrontar este novo desafío, o Compos incorporou a Jose Manuel Martínez Paz, máis coñecido como “Secho”, como novo adestrador ata final de tempada. O técnico de Porto do Son (1977), que se atopaba sen equipo, chega coa misión de reverter a mala dinámica do equipo e loitar pola salvación.
Secho é un técnico con ampla experiencia no fútbol galego, tanto en formación como en sénior. A súa última etapa foi en Carballo, onde logrou o ascenso do Bergantiños a Segunda RFEF a pasada tempada, tras unha brillante campaña. Anteriormente, foi segundo adestrador do Deportivo da Coruña durante a etapa de Rubén de la Barrera e técnico asistente do CD Lugo en Segunda División. Ademais, dirixiu ao Noia, foi seleccionador galego sub-18 e traballou durante varias tempadas na base do Deportivo.
Coa ilusión de acadar o obxectivo da permanencia, Secho xa asinou o seu contrato e mañá dirixirá o seu primeiro adestramento, preparando a importante visita ao campo do Llanera deste sábado.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)