AD

Actualidad

O Compos toma a praza da Quintana o venres da Ascensión co 2º ComposFest

today16 abril, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

16/04/2024.- O programa das festas incluirá a segunda cita deste festival promovido pola SD Compostela e o Concello de Santiago no que participan Dios Ke te Crew, Boyanka Kostova e Cool Nenas. A cita é o venres 10 de maio na praza da Quintana, a partir das 21 horas e de balde para o público.

A SD Compostela volve tomar, coas súas tradicionais cores azul e branco, a compostelana praza da Quintana o venres da Ascensión coa segunda edición do Composfest. A iniciativa foi presentada esta mañá en rolda de prensa no Pazo de Raxoi por Pilar Lueiro, Concelleira de festas, Antonio López, Reitor da USC, Javier Martín, responsable da área de educación de LENOVO e Miguel Fernández, xerente da SD Compostela.

A concelleira Pilar Lueiro recordou que o Composfest concidirá un ano máis coas Festas da Ascensión, e será un evento gratuíto no que «unimos dúas paixóns compostelás: a música e o Compos» e «apostamos por artistas e agrupacións locais ou vinculados con Santiago».

O ComposFest é un festival promovido pola SD Compostela, xunto co Concello de Santiago de Compostela, co obxectivo de darlle a maior visibilidade posible a proxectos musicais que, ou ben están formados por xente de Compostela, ou ben desenvolven a súa actividade artística dende a nosa cidade. Tras unha primeira edición que apostaba polo Pop/Rock, chega agoa unha segunda entrega que da protagonismo ás músicas máis urbanas da man do trap de Boyanka Kostova, o rap de Dios Ke Te Crew e o DJ set de Cool Nenas.

Boyanka Kostova, dúo santiagués pioneiro do trap na nosa lingua, mete na cocteleira a retranca galega, o folclore rexional e os ritmos tradicionais engadíndolle sons urbanos, contemporáneos e electrónicos que dan como resultado puro flow rural. Trap de aldea, pero universal. Unha verbena de pobo exótica na que os novos temas do dúo se alzarán como himnos o vindeiro dez de maio.

Como merecedora do título de banda máis emblemática do hip hop galego, o ComposFest contará no seu cartel con Dios Ke Te Crew que, tras dúas décadas cultivando temas de alto impacto, e facendo explosionar escenarios de todo o país, chega á praza da Quintana cun espectáculo electrizante no que a crew galega presentará novas creacións e repasará os éxitos máis destacados da súa prolífica traxectoria, nunha noite de música de balde con impronta compostelana.

E coma colofón festivo para a cita, Kimberley Tell, Dani Costas e a santiaguesa Maria Grep, unirán forzas no escenario baixo a súa fórmula COOLNENAS co particular Rave de debuxos animados co que están a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento aos que acompañan oreografías de enerxía pegañenta que contaxian rapidamente ao público. Nestes pouco menos de dous anos de historia percorreron a xeografía española en festivais e salas tan importantes como o FIB, Low Festival, San San Festival, SonRias Baixas, Warm Up, VIDA Festival, Vive Nigrán, Nachiños, Polifonik Festival, sala Apolo etc e nas vindeiras festas da Ascensión poñerán a bailar a toda a praza da Quintana cun espectáculo enerxizante e divertido para pechar a velada.

O festival dará comezo ás 21h, será de entrada libre para o público, e contará co patrocinio de Lenovo, o apoio da USC, Adidas e Hyundai Hyupersa Santiago e a organización de Correveydile.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%