AD

Actualidad

O compostelán Jorge Mirás expón a súa obra minimalista no Centro Empresarial do Tambre

today21 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Exhibirá 24 obras de formas orgánicas e elementos verticais, como bloques de arxila adheridos ao lenzo

A mostra “Inspirar/Expirar” inaugurarase o vindeiro luns ás 20 horas

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará o vindeiro luns, 24 de novembro, a exposición “Inspirar/Expirar” do artista Jorge Mirás. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre.

A mostra estará composta por 24 obras que compoñen unha exposición de carácter minimalista. Mirás usa formas orgánicas e elementos verticais como uns bloques feitos con arxila que se adhiren ao lenzo. O artista pretende que o espectador se identifique coa obra, explorando a idea de que cada peza se dilúa desde dentro provocando unha enorme inspiración. “O obxecto desta exhibición é causar unha acción-consecuencia, é dicir, que o público experimente un proceso de busca do inevitable” –explica–.

Mirás crea no aberto, como unha forma de coñecemento, o que lle permite rachar cos corsés dos xéneros. A pintura foxe en volumes orgánicos coa forza da arxila, e a escultura disólvese no lenzo cunha nova gramática, onde Inspirar é a pregunta esencial, necesaria e imperceptible, e Expirar a palpitación mesma do ser.

Dese movemento minimalista, de “Inspirar/Expirar” emerxen bloques a xeito de columnas, ou danzas de caixas torácicas que respiran, ou dedos que reptan, pastillas alongadas que buscan novos parámetros para a cor. “A cor fica nas cavidades e xoga coa luz natural neses ocos propiciados polas sombras” –engade–. Con referentes claros en Donald Judd o Dan Flavin, Mirás suxírenos sermos diminutas e entrar nesta experiencia inmersiva sensorial ou, sinxelamente, fluír.

Nado na rúa de Abaixo en Compostela e formado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo en Santiago, Jorge Mirás (Compostela, 1967) leva toda a súa vida implicado nas artes gráficas, como deseñador ou publicista, pero tamén, durante máis de trinta anos, desde as áreas de maquetación e dixitalización nas redaccións de El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Como interiorista e artista plástico está involucrado en varios proxectos aínda en marcha sendo Inspirar/Expirar a súa segunda mostra na capital galega.

A mostra poderase visitar ata o 18 de decembro, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas (recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *