AD

Actualidad

O Concello denega a licenza á Sareb para contruír no antigo Peleteiro

today23 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a denegación de licenza de obra nova para a construción de dúas edificacións no antigo colexio Peleteiro presentada por Arqura Homes, Fondo de Activos Bancarios, por incumprir as normas do hábitat e non incluír o proxecto de urbanización esixido polo planeamento PERI-12. O executivo municipal tamén deu luz aos expedientes de contratación das varias obras: as da reurbanización da rúa Puente la Reina por 493.294,01 euros; para a creación dunha plataforma única no cruzamento das rúas de Xeneral Pardiñas e República do Salvador por 66.230,11 euros, e dos traballos de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, con cargo aos fondos NextGenerationEU, por un orzamento base de licitación de 3.018.449,40 euros. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberna deu conta esta mañá en rolda de prensa o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.

A Xunta de Goberno acordou esta mañá denegarlle a Arqura Homes, Fondo de Activos Bancarios, a licenza de obra nova para a construción de dúas edificacións nas parcelas resultado 1 e 2 do proxecto de equidistribución do PERI-12, situadas na rúa república de Arxentina-rúa de San Pedro de Mezonzo 27. Iago Lestegás detallou que a denegación por parte municipal vén motivada porque o proxecto incumpre as Normas de Habitabilidade de Galicia no referido aos servizos das vivendas, en concreto no relativo á disposición de espazos de almacenaxe, e porque omite o proxecto de urbanización do espazo libre público. “Así se lle comunicou á propiedade formalmente ata en tres ocasións antes de proceder á denegación da licenza de obra», aclarou.

Segundo explicou o concelleiro, o planeamento PERI-12, aprobado en 2005, que o proxecto presentado executa, permite simultanear as obras de urbanización e as de edificación. As de urbanización consisten fundamentalmente na apertura dunha nova rúa de trazado curvo que conectaría San Pedro de Mezonzo e República Arxentina e que serviría de soporte ás novas edificacións. Sen embargo, o plan de etapas do PERI-12 establece a necesidade de aprobar un proxecto de urbanización, que debe tramitarse de acordo co procedemento correspondente e polo tanto debe ser sometido á información pública durante un prazo mínimo dun mes, xa que “o dereito de participación da cidadanía no procedemento de execución do planeamento ten carácter esencial”.

Deste xeito, dado que PERI-12 esixe “non só a aprobación do proxecto de equidistribución aprobado en 2005, senón tamén a aprobación dun proxecto de urbanización, a súa omisión podería determinar a nulidade de pleno dereito do acto administrativo de concesión da licenza de obra”, detallou o edil.

Iago Lestegás tamén recordou que tras a xuntanza mantida o pasado mes de maio co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, “na que acordamos traballar nunha modificación do planeamento no ámbito do antigo colexio Peleteiro que priorizase o uso residencial e incorporase unha reserva importante de vivenda protexida”, o Concello remitiulle unha proposta á propiedade dos terreos que inclúe unha reserva do 45% de vivenda protexida ao mesmo tempo que “mantén o aproveitamento lucrativo e por tanto mantén a rendibilidade económica da operación, atendendo as esixencias da propiedade”. “Estamos convencidos de que é unha moi boa solución pero a propiedade aínda non deu a súa conformidade”, concluíu.

Outras obras 

Ademais, o executivo municipal deu luz verde a varios proxectos centrados en mellorar a calidade do espazo público, na accesibilidade e na seguridade.

Así, aprobouse o expediente de contratación das obras de reurbanización da rúa Puente la Reina, cun orzamento base de licitación de 493.294,01 € (base impoñible de 407.681,00 €, máis IVE do 21% polo importe de 85.613,01 €) cuxos obxectivos son os de mellorar a accesibilidade, reorganizar os servizos urbanos e mellorar a paisaxe urbana.

Tamén se deu luz verde ao expediente para a licitación das obras recollidas no proxecto de mellora da accesibilidade no cruce Xeneral Pardiñas-República do Salvador, cun orzamento base de licitación de 66.230,11 euros (base impoñible de 54.735,63 € máis IVE do 21% polo importe de 11.494,48 €). Iago Lestegás explicou que neste cruzamento crearase unha plataforma cadrada delimitada por unha tira de granito, elevada con respecto á calzada á mesma cota que as beirarrúas “similar ao que existe no cruzamento de Xeneral Pardiñas con Montero Ríos», co obxectivo de garantir a prioridade peonil e a mellora da accesibilidade.

O executivo municipal tamén aprobou o expediente de contratación das obras de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, un proxecto financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU, cun orzamento base de licitación de 3.018.449,40 (base impoñible de 2.494.586,28 € máis IVE do 21% polo importe de 523.863,12 €).

Entre o Sar e o Sarela

Ademais, no marco proxecto “Entre o Sar e o Sarela”, aprobouse o proxecto básico e de execución da obra coñecida como “Barrio verde da Pontepedriña”, centrada na renaturalización do tecido urbano entre a rúa de Amor Ruibal e o parque Eugenio Granell e a creación dun corredor ecolóxico. O orzamento desta actuación é de 1.922.386,59 euros e o seu prazo de execución, de 7 meses.

Entre as intervencións incluídas neste proxecto está o deseño dun corredor verde e o cambio na mobilidade en Amor Ruibal, reasignando o espazo existente deixando só un carril para cada sentido, implantando de carril bici e reordenando o estacionamento e os servizos urbanos. O proxecto tamén inclúe a investigación e implementación de solucións baseadas na natureza para a xestión da auga de choiva, favorecendo a infiltración no terreo, así como a mellora ecolóxica das zonas verdes existentes.

Tamén se aprobou a adxudicación do contrato “Servizo de Asistencia Técnica, Redacción do Proxecto Básico e Execución e Dirección Facultativa (DO+DEI+CSS) da «Naturalización da lagoa do Auditorio e restauración fluvial do río Corgo» á empresa PROYFE SL por 83.490,00 € (base impoñible de 69.000,00 € máis IVE do 21% de 14.490,00 €).

Obras no rural

En relación ás obras no rural compostelán, o Goberno municipal acordou a aprobación do expediente para licitar os traballos de rexeneración do pavimento de calzada da Rúa de San Martiño (Aríns), dentro do POS, cun orzamento base de licitación de 322.512,48 € (base impoñible de 266.539,24 € máis IVE do 21% por valor de 55.973,24 €).

Outros asuntos

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde ao texto do  convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela para a custodia, conservación e xestión do arquivo histórico do Concello no depósito do AHUS (Arquivo Histórico Universitario), e a difusión e divulgación entre o persoal investigador en xeral e da USC en particular, por un importe de 25.000 euros anuais durante os catro anos de vixencia do convenio.

Tamén se acordou a adxudicación á empresa T-SYSTEMS ITC IBÉRICA SAU da subministración da solución de contabilidade e servizo de apoio para a administración, configuración e explotación dos productos subministrados ata o ano 2026, por un importe total de 1.105.262,40 € (base impoñible de 913.440,00 € máis IVE do 21% de 191.822,40 €).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%