AD

Actualidad

O Concello investirá 73.000 euros en melloras nos parques infantís do Ensanche

today2 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

02/09/2024 O executivo municipal deu luz verde esta mañá ao inicio do expediente de contratación das obras de actuacións urxentes de reparación dos parques infantís da praza de Vigo, da praza de Galicia e de Agros de Ramírez cun orzamento base de licitación de 73.268,53 euros. Esta medida enmárcase dentro do primeiro dos tres retos marcados polo Goberno municipal, que busca construír «unha mellor Compostela onde vivir». Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno deu conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.

Míriam Louzao anunciou na rolda de prensa desta mañá a aprobación por parte do executivo municiapal do expediente de contratación que ten por obxecto a licitación das actuacións urxentes de reparación en tres parques infantís da cidade, por unha base de licitación de 73.268,53 euros (base impoñible de 60.552,50 € máis IVE do 21% por 12.716,03 €). O procedemento de adxudicación dividirase en 3 lotes, o primeiro para a intervención no parque infantil da praza de Vigo, por un importe de 24.881,23 euros (20.563,00 máis IVE do 21% por 4.318,23 €), un segundo lote para o da praza de Galicia (21.092,72 € máis 3.660,72 €) e un terceiro para o espazo de Agros de Ramírez, a carón da praza Roxa, cun orzamento base de licitación de 27.294,58 € (22.557,50 € máis IVE do 21% por 4.737,08 €).

O obxectivo deste contrato é a realización dunha serie de actuacións de reparación e mantemento nos parques infantís do núcleo urbano que teñen maior afluencia e, polo tanto, tamén os que sofren un maior desgaste. Deste xeito, levaranse a cabo traballos de limpeza, de mellora do pavimento continuo e de colocación de céspede artificial. Tamén se prevé a substitución das pezas deterioradas dos elementos de xogo e labores menores de reaxuste e pintura.

A voceira incidiu en que esta acción, que ten «como prioridade as crianzas e o seu benestar», está en liña co obxectivo do Goberno municipal de traballar nunha «Compostela Boa de vivir», o primeiro dos tres retos presentados a pasada semana pola alcaldesa para un novo curso político «que virá marcado de aquí a finais de ano pola execución dos remanentes e que terá unha cita política chave en outono, co debate sobre o estado do concello». A voceira recordou que ademais deste primeiro reto centrado en temas como a vivenda, a mobilidade ou as condicións urbanas, fixouse un segundo centrado en «continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico» a través do apoio aos negocios locais e á diversificación económica, e un terceiro co foco en «que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais».

Outros asuntos

O Goberno municipal tamén deu luz verde á prórroga da concesión do recinto feiral de Amio á empresa mercantil MONFOBUS SL, polo prazo dun ano a contar dende o 11 de novembro de 2024 ata o 10 de novembro de 2025.

Tamén se aprobou o texto do convenio de cooperación entre o Concello de Santiago de Compostela e o Obradoiro Club de Amigos Baloncesto S.A.D por un importe de 120.000 euros para este ano «que agardamos que sexa a temporada da volta á primeira categoría», engadiu Míriam Louzao.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%