Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 diciembre, 2025
A rexedora compostelá encabezou este luns a comitiva municipal que se desprazou ao Pazo de Meirás para asinar a acta de entrega das dúas estatuas do Pórtico da Gloria, nun acto no que tamén participou o secretario do Concello como testemuño. A devolución prodúcese tras a sentenza do Tribunal Supremo que deu a razón ao Concello de Santiago na longa batalla xudicial contra a familia Franco, un feito cualificado como “histórico”.
As pezas serán acollidas inicialmente no Museo do Pobo Galego, espazo que ofrece as condicións técnicas e museísticas necesarias para a súa conservación e exhibición. Ademais, durante os meses nos que permanezan no museo —ata maio do vindeiro ano— desenvolveranse actividades de memoria e reflexión. O lugar elixido é tamén simbólico, ao tratarse dun inmoble de titularidade municipal e do considerado “museo nacional” de Galicia.
“Hoxe é un día histórico para Santiago de Compostela e para Galicia”, proclamou a alcaldesa Goretti Sanmartín, destacando que por primeira vez unha sentenza obriga a familia Franco a devolver bens espoliados. A rexedora subliñou a “forza simbólica” deste logro e expresou o desexo de que marque o inicio doutras restitucións pendentes, como o propio Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as pías bautismais de San Xián de Moraime.
Sanmartín lembrou que tiveron que pasar cincuenta anos desde a morte do ditador para facer efectiva esta devolución, evidencia da “impunidade coa que sobreviviu o franquismo”. Agradeceu o traballo de todas as administracións implicadas —desde o goberno municipal de Martiño Noriega, que iniciou o proceso, ata a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o Estado—, así como o labor do equipo técnico do Auditorio de Galicia, do Museo do Pobo Galego e das asociacións comprometidas coa memoria histórica.
“Esta restitución ten que enchernos de orgullo e dignidade porque representa a loita do conxunto do pobo galego”, asegurou a rexedora.
Tamén participou no acto a tenenta de alcaldesa, María Rozas, quen salientou que “hoxe é un día feliz para Santiago e para a democracia”. Lembrou que, cincuenta anos despois da morte de Franco, “aínda quedan vestixios da ditadura en rúas, monumentos e mesmo institucións”, e que aínda quedan “moitas vitorias por conseguir”. Agradeceu o labor de todas as persoas que fixeron posible esta recuperación, desde os impulsores do proceso —Martiño Noriega, Quin Monteagudo e Ricardo Gurriarán— ata historiadores, xuristas e responsables municipais que continuaron a defensa legal.
A demanda xudicial
O Concello de Santiago presentara en 2017 unha demanda contra Carmen Franco Polo —e despois do seu falecemento, contra os seus herdeiros— exercendo unha acción reivindicatoria das dúas esculturas. A demanda fora inicialmente desestimada polo Xulgado de Primeira Instancia e pola Audiencia Provincial de Madrid ao considerar que as pezas non estaban identificadas de forma axeitada. A última resolución do Tribunal Supremo, en 2022, estimou o recurso do Concello e abriu a porta á súa devolución.
A corporación compostelá fixo extensivo o seu recoñecemento aos colectivos de defensa da memoria histórica, de maneira especial á asociación O Sorriso de Daniel, e tamén ás persoas e institucións que durante anos traballaron para que o patrimonio espoliado regresase ao lugar do que nunca debía ter saído.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)