AD

Actualidad

O Consello do Estudantado salienta que o voto do alumnado será clave na elección da nova reitora da USC

today20 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Falamos con Iván Castro, secretario do Consello do Estudantado, sobre como vive o alumnado estes meses previos a unhas eleccións históricas na USC

A Universidade de Santiago celebrará o 12 de febreiro de 2026 as eleccións ás que, polo de agora, se presentan exclusivamente cinco mulleres —Alba Nogueira, María José López, Maite Flores, Mar Lorenzo e Rosa Crujeiras—, xa que o prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 5 de decembro. Así, todo apunta a que por primeira vez na historia da USC a reitoría estará ocupada por unha muller. Se fose necesaria, a segunda volta está prevista para o 11 de marzo. Ademais, pola aplicación da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), o mandato será de seis anos, e non de catro.

Nestas eleccións, o voto do estudantado, que supón o 28% da ponderación, podería ser decisivo. Así o indicou en Radio Líder Santiago Iván Castro, secretario do Consello do Estudantado da USC: «Hai cinco candidatas, polo que o voto do profesorado pode estar moi segmentado. Obter un voto do estudantado ben dirixido e concentrado podería ser a clave para gañar estas eleccións».

Na última convocatoria, a participación estudantil foi apenas do 6%. Castro vincula esa cifra coa ausencia do Consello naquela ocasión e lembra que agora si haberá mobilización:
«Non estaba presente nas últimas eleccións ao reitor. Por iso, dentro do Consello queremos animar a todo o estudantado a participar».

O Consello do Estudantado —órgano oficial de representación composto por alumnado de todas as facultades— traballa estes meses para garantir que a comunidade estudantil dispoña de información e canles directas coas aspirantes.

Castro explicou que o Consello xa está a organizar accións informativas para aumentar a participación, tanto en Santiago como en Lugo. Entre elas, anunciou a celebración de debates con todas as candidatas, nos que o estudantado poderá formular preguntas directamente, así como unha campaña en redes sociais para que toda a comunidade coñeza quen se presenta e o impacto que terá o seu voto no futuro da USC.

Propostas para a nova etapa universitaria

O Consello elaborou e remitiu xa ás 5 candidatas un documento cos retos que consideran prioritarios para os vindeiros seis anos.

Entre os retos máis urxentes, o Consello do Estudantado destaca en primeiro lugar a vivenda, nun contexto de alugueiros moi tensionados en Santiago que dificultan o acceso á universidade para o alumnado con menos recursos. Reclaman máis prazas públicas de aloxamento e que se conclúan as obras do Colexio Maior de San Clemente, pechado desde hai anos polo mal estado do edificio. «Leva pechada varios anos por obras, porque o estado do edificio era paupérrimo. Pensamos que hai que facer un esforzo, porque ampliar este número de prazas sería moi importante para permitir que xente con menos recursos poida estudar», destacou Castro.

A saúde mental aparece como outra prioridade clara. O estudantado considera insuficiente a dotación da Unidade de Atención Psicolóxica, con só dúas profesionais en Santiago e sen atención presencial no campus de Lugo, o que obriga a recorrer á videoconferencia en moitos casos. Castro resumiu así a situación do alumnado lucense: «Son un campus enteiro que non ten acceso a toda esta unidade, teñen que ir por chamada».

No apartado de infraestruturas e mobilidade, o Consello pide avances na nova Facultade de Farmacia e solucións para problemas do día a día en espazos como o Campus Sur, onde a falta de drenaxe e o mantemento deficiente complican o tránsito en épocas de choiva: «O chan en outono e inverno está cheo de follas e auga chegata aos tobillos, porque non pode colar a auga polas alcantarillas. Cada vez que pasa un coche, acabas mollado».

En materia de normativa académica, reclaman a modificación da normativa de permanencia e, sobre todo, a implantación dun sistema de aprobado por compensación, lembrando que a USC é a única universidade galega que carece deste mecanismo. O secretario do Consello explicaba así en antena en que consiste: «Se hai problemas cunha única materia, e tes todo o resto do grao rematado, aprobado e cunha boa media, poidas ter facilidades para aprobar esa materia, porque claramente o problema non é que non esteas estudando nin que non sepas o temario, senón que podería ser outro».

O Consello tamén reclama a creación dunha Oficina de Diversidade independente, que permita abordar outras realidades alén das actuais competencias da Oficina de Igualdade.

Ao falar do perfil que debería ter a nova reitora, Castro destaca a importancia dunha figura próxima ao alumnado: «Debe ser unha persoa dialogante, que estea dispoñible para falar con todo o mundo. Ten que estar implicada e ser partícipe do que pasa».

O secretario do Consello do Estudantado finalizou a entrevista lembrando a importancia destas eleccións para todo o alumnado e apelou directamente á participación: «Os estudantes que estén en primeiro van ter a esta reitora durante todo o grao e todo o mestrado».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *