AD

Actualidad

O CPEIG aposta pola concienciación dixital na infancia e adolescencia

today9 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Diferentes iniciativas nas que participa o Colexio –o estudo ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital’ ou o Plan Integral de Benestar Dixital– destacan a necesidade de seguir investindo en educación dixital
  • Fernando Suárez, presidente: “A IA xa forma parte da vida cotiá dos menores, desde os sistemas de recomendación ata as ferramentas xenerativas, o que fai imprescindible fomentar o pensamento crítico, a capacidade de análise e a comprensión dos límites éticos e técnicos”

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ás actividades do Día de Internet Segura [mañá martes, 10 de febreiro], que este ano céntranse en educar con seguridade dixital por medio do fomento do “uso seguro, responsable e crítico da Intelixencia Artificial”.

O CPEIG explica que esta efeméride é unha iniciativa internacional que desde fai máis de dúas décadas busca promover un uso seguro, responsable, respectuoso, crítico e creativo de Internet e das tecnoloxías dixitais. A xornada implica a centros educativos, familias, administracións públicas, profesionais e empresas tecnolóxicas, co obxecto de concienciar sobre os riscos e oportunidades da contorna dixital e de dotar á cidadanía, especialmente a nenas, nenos e adolescentes, de ferramentas para desenvolverse nel de maneira autónoma e segura.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que esta edición pon o foco na educación en seguridade dixital nun contexto marcado pola expansión da IA, subliñando a necesidade de formar en competencias dixitais integrais que permitan aproveitar o potencial destas tecnoloxías sen ignorar os riscos asociados. “A IA xa forma parte da vida cotiá dos menores, desde os sistemas de recomendación ata as ferramentas xenerativas, o que fai imprescindible fomentar o pensamento crítico, a capacidade de análise e a comprensión dos límites éticos e técnicos destas tecnoloxías”, asegura.

Segundo Suárez, esta preocupación está apoiada pola evidencia empírica. En 2025 presentouse o estudo ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social’, elaborado por UNICEF España, Red.es, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), no que participou o CPEIG como colexio profesional integrante. O presidente do CPEIG sinala que se trata dunha das análises máis amplas realizadas en España sobre a relación da infancia e a adolescencia coa contorna dixital, incorporando a voz de decenas de miles de menores. Segundo indica, o informe confirma un uso intensivo e temperán da tecnoloxía, avances en sensibilización e redución dalgunhas conductas de risco, pero tamén a persistencia de desafíos relevantes en materia de benestar emocional, convivencia dixital e exposición a contidos nocivos, “o que reforza a necesidade de actuar desde a educación, a prevención e as políticas públicas baseadas en evidencia”.

Nesta mesma liña, Fernando Suárez destaca que se sitúa o Plan Integral de Benestar Dixital de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, no que o ámbito profesional e académico da enxeñaría informática participa de forma activa. Segundo Suárez, este plan responde á necesidade de abordar o uso da tecnoloxía desde unha perspectiva integral, incorporando medidas educativas, ferramentas de autorreflexión, compromisos compartidos entre centros educativos e familias, e o desenvolvemento de boas prácticas tecnodidácticas. “O seu obxectivo non é demonizar a tecnoloxía, senón promover un uso equilibrado, consciente e responsable que protexa o benestar da infancia e a adolescencia e garanta o respecto aos seus dereitos na contorna dixital”, apunta.

No marco do Día de Internet Segura, Suárez asegura que estas iniciativas poñen de relevo a necesidade de “seguir investindo en educación dixital, en alfabetización en intelixencia artificial e en políticas públicas baseadas no coñecemento experto e en datos contrastados, xa que só así será posible garantir que a transformación dixital contribúa realmente ao desenvolvemento persoal, social e educativo da infancia e a mocidade, reforzando os seus dereitos e a súa autonomía nun entorno cada vez máis complexo”.

Desde o CPEIG, considérase fundamental reforzar este tipo de accións que apostan pola formación, a corresponsabilidade e a colaboración entre administracións, comunidade educativa, familias e profesionais tecnolóxicos. “O Día de Internet Segura é unha oportunidade para lembrar que a seguridade dixital e o uso crítico da IA non dependen unicamente da tecnoloxía, senón dunha educación sólida, continua e compartida que prepare a sociedade para un futuro dixital máis seguro, xusto e humano”, engade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *