Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 diciembre, 2025
A campaña de crowdfunding solidario impulsada por Chichalovers en apoio á asociación Paluso foi a elixida por Galuresa para protagonizar este Nadal unha acción de visibilidade social en Santiago de Compostela co obxectivo de garantir a celebración da histórica cea de Noiteboa e do xantar de Nadal para persoas que pasan estas datas en situación de soidade.
A candidatura destacou, segundo recolle a nota oficial da marca, “pola súa honestidade e, sobre todo, pola súa urxencia”: a poucos días das festas, Paluso só conseguira recaudar 360 euros, unha cifra claramente insuficiente para manter unha tradición solidaria que a entidade leva máis de trinta anos organizando en Compostela.
Dende hoxe, a lona instalada en Pontepedriña exhibirá a petición de Paluso e actualizarase de maneira manual e á vista de toda a veciñanza a medida que vaian entrando as doazóns. A acción —concibida como un xesto simbólico e colectivo— permitirá que as persoas que pasen pola zona vexan en tempo real o impacto da campaña e como a cidade responde para que ninguén cene só nesta época do ano.
Galuresa cedeu este espazo publicitario como parte da súa campaña de Nadal, coa finalidade de ofrecer á causa a máxima visibilidade posible. Desde Chichalovers subliñan que a acción pretende poñer o foco “nunha necesidade silenciosa pero moi real” e confían en que a cidade volva demostrar a súa capacidade de mobilización colectiva.
Tanto Chichalovers como Paluso fan un chamamento á colaboración da veciñanza, dos establecementos e das entidades locais para asegurar que a histórica Cea de Nadal poida celebrarse un ano máis. A iniciativa apela ao espírito solidario de Compostela e á importancia de que ninguén quede só nestas datas tan sinaladas.
Baixo o lema “Un prato teu, unha cea para todos”, a campaña de crowdfunding de Chichalovers e Paluso articúlase a través dun “menú solidario” que permite realizar achegas económicas adaptadas ás posibilidades de cada persoa. As opcións de colaboración inclúen diferentes importes pechados, ademais da posibilidade de facer unha doazón libre:
5 euros, na opción entrante
10 euros, correspondente ao medio menú
20 euros para o menú completo
50 euros na modalidade cea máis baile
Doazón aberta coa cantidade que cada persoa decida
As achegas poden realizarse a través da ligazón habilitada para o crowdfunding, co obxectivo de garantir a celebración da histórica cea de Nadal organizada por Paluso.

Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)