AD

Deportes

O Estradense, clube centenario que soña con participar na Copa do Rei: «Levamos noites sen durmir»

today6 mayo, 2025

Fondo
share close
AD
  • O presidente do Estradense fai balance dunha tempada histórica, marcada polo apoio da afección, a aposta pola canteira e os actos de celebración dos cen anos de vida do club.

O Club Deportivo Estradense vive un dos momentos máis doces da súa historia. Así o contou Toño Camba, presidente da entidade, nunha entrevista en Radio Líder Santiago, onde repasou a actualidade deportiva do club, o papel da afección, a importancia da canteira e os actos conmemorativos do centenario. “Está sendo un ano soñado. Todo está saíndo perfecto: a afección, o corpo técnico, os xogadores…”, asegurou Camba, visiblemente emocionado.

A tempada está a ser de «sobresaliente» para o Estradense, cun ambiente espectacular no estadio municipal, onde “non hai onde meterse na grada”. A implicación da mocidade e a promoción de xogadores do xuvenil ao primeiro equipo tamén son motivos de orgullo. “Debutaron bastantes xogadores do xuvenil, e iso fai que moitos amigos deles veñan animar. Incluso houbo partidos nos que foron citados cinco xuvenís”, explicou o presidente.

O club ten entre cella e cella un obxectivo claro: rematar a liga en segunda posición para optar a participar na Copa do Rei. Segundo comentou Camba, nun listado provisional o Estradense figuraba como o sétimo mellor equipo en coeficiente da Terceira División estatal. “Se conseguimos esa praza e finalmente imos á Copa do Rei, sería o colofón perfecto”, dixo. “Levamos noites sen durmir, soñando con esa posibilidade.”

100 anos de historia

O Estradense celebra este ano o seu centenario con diversos actos, entre eles a estrea dun documental no Teatro Principal da Estrada, esta tarde ás 20:00 horas. “Non quixen ver o documental antes para non emocionarme, pero sei que vai haber moitas sorpresas. Cando puxeron un adianto xa me prepararon porque sabían que era fácil que me emocionara”, confesou Camba.

O documental percorre os momentos doces e amargos do club e serve como homenaxe a unha historia centenaria que poucos clubs poden contar en Galicia.

Camba tamén falou do sacrificio persoal que implica ser presidente dun club modesto: “Para que isto funcione, tes que ter á familia ao teu lado. Eu teño a sorte de que a miña muller e os meus fillos me acompañan a todos os desprazamentos.”

A pesar dos éxitos, o club arrastra necesidades importantes, especialmente no céspede do campo, que xa ten máis de dez anos. “Por moito que o arranxemos, o céspede está mal. Se ascendemos, probablemente non nos deixen xogar nel en Segunda RFEF”, advertiu. Tamén mencionou a falta de vestiarios para equipos visitantes como outro problema pendente.

A entrevista deixa claro que o Estradense non é só un club de fútbol, senón unha institución con alma, xente comprometida e un futuro cheo de ilusións. Cun pé no pasado e outro no futuro, o club avanza coa forza da súa historia e o corazón da súa xente.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *