AD

Actualidad

O éxito de Daveiga nace no rural: economía social, produción responsable e identidade galega

today23 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

A empresa das Mariñeiras, con sede en Chantada, foi recoñecida en diferentes edicións do ranking do Financial Times entre as compañías europeas con maior crecemento. En Radio Líder falamos con Alba Rodríguez, responsable de comunicación, e Begoña González, da área comercial, sobre un proxecto empresarial nacido no rural que pon ás persoas no centro e aposta pola cultura e pola lingua galega.

Daveiga naceu en 2005 impulsada polos irmáns Lamazares, naturais de Rodeiro, coa vontade de crear empresa no rural e xerar emprego na contorna. A idea xurdiu tras unha viaxe a Bos Aires, onde coñeceron un pan mariñeiro que inspiraría as actuais Mariñeiras, hoxe elaboradas en Galicia, no rural da Ribeira Sacra. Un produto que bebe dunha tradición histórica: as Mariñeiras están inspiradas na solución que atoparon os mariñeiros xa desde o século XV para conservar o pan de maneira natural nas longas travesías oceánicas, un pan seco e resistente pensado para durar.

Nos estudios de Radio Líder Santiago conversamos con Alba Rodríguez, responsable de comunicación da empresa, e Begoña González, da área comercial, para coñecer polo miúdo o modelo que hai detrás deste proxecto. Co paso dos anos, aquela iniciativa familiar consolidouse ata aparecer en distintas edicións do ranking do Financial Times entre as compañías europeas con maior crecemento.

Pero, como explicaron durante a entrevista, o crecemento non se entende sen falar da súa filosofía empresarial. Daveiga defínese como unha empresa de economía social e produción responsable, cunha estrutura que sitúa ás persoas no centro da organización. “O importante son as persoas”, subliñaba Alba Rodríguez. A compañía conta con entre 70 e 80 persoas no equipo, maioritariamente da contorna, e ofrece ás traballadoras con contrato indefinido a posibilidade de converterse en socias da empresa. Os soldos son públicos internamente, celébranse asembleas anuais abertas e practícase unha organización horizontal. “Nunca estivera nunha empresa onde houbese esta transparencia”, explicaba Alba.

Desde a área comercial, Begoña González reforzaba esa idea ao afirmar que “non é só o produto, é o proxecto que hai detrás” e que en Daveiga “non hai pirámides de poder”, senón autoxestión dos postos de traballo e unha visión compartida de cara ao crecemento.

A produción responsable concrétase en medidas ambientais moi específicas. “Intentamos ser coherentes en todo o proceso: traballamos con residuo orgánico cero, as Mariñeiras que non se comercializan tritúranse e destínanse a alimentación animal en granxas da zona, temos placas solares e aproveitamos a auga da chuvia… Non é só producir, é facelo con responsabilidade”, sinalaba Alba.

A identidade galega é outro dos sinais distintivos da marca. Toda a comunicación, desde o packaging ata a web e as redes sociais, está en galego. “Levamos o galego e as Mariñeiras a todos os sitios”, destacaba Begoña. Ese compromiso reflíctese tamén no apoio a iniciativas culturais como Fala que Fala, impulsado por Radio Líder co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, e Onda Chicha, desenvolvido por Radio Líder Santiago e Chichalovers para dar visibilidade a bandas emerxentes galegas.

No plano do produto, Alba explicaba que están a traballar para deixar atrás o termo “galletas”, porque pode levar a confusión sobre o que realmente son as Mariñeiras. “Son pan sen miolo, crocante, versátil e de longa duración. Teñen forma de galleta, pero non o son”, subliñaba, insistindo en que se trata de tostas de pan que poden consumirse soas ou acompañadas, ao estilo cracker, tanto en propostas doces como salgadas. Unhas Mariñeiras que tamén definen como “mariñeiras de interior”, reivindicando así a súa orixe no rural galego.

No plano produtivo, Daveiga elabora entre 4.000 e 6.000 quilos diarios de Mariñeiras. No mercado nacional está presente en grandes cadeas e en tendas especializadas, mentres que a nivel internacional exporta principalmente a Europa —Reino Unido, Irlanda, Polonia e tamén Portugal— ademais de México e Estados Unidos. En canto aos gustos, tamén hai diferenzas segundo o territorio: en Galicia funcionan especialmente ben as referencias clásicas, como aceite de oliva e manteiga; en Andalucía sorprendeu o éxito da manteiga fronte ao aceite; e fóra de España destaca a referencia de aceite de oliva virxe extra.

Desde Chantada, Daveiga consolidou así un modelo empresarial que combina crecemento, compromiso social e identidade propia, demostrando que é posible competir nos mercados internacionais mantendo intactos os valores e as raíces do rural galego.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *