Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 febrero, 2026
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 DE FEBREIRO.- O Festigal abre a X edición do Concurso Novos Valores en busca da banda ou artista emerxente deste 2026 en Galiza. A banda gañadora actuará no escenario principal do Festigal a noite do 24 de xullo, poñendo o punto de inicio a unha ampla programación cultural polo Día da Patria Galega.
O prazo de presentación de traballos para o X Concurso Novos Valores, unha iniciativa promovida por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, está aberto até o vindeiro 23 de marzo. O xurado elixirá tres bandas finalistas, que serán anunciadas o 8 de abril, e que actuarán nun concerto final o 24 de abril na Sala Sónar (Santiago de Compostela) no que o público decidirá a banda ou artista gañadora. As bases poden consultarse en festi.gal.
“Vivimos un momento excepcional do panorama musical en galego, no que están xurdindo constantemente novas bandas e artistas de distintos estilos e para os que hai cada vez máis público receptor”, destacou o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gavilanes, durante a presentación pública da X edición, na que tamén participaron representantes do xurado como Lucía Veciño (Fundación Galiza Sempre), Anxo Sánchez (músico) e Claudia Quintela (DJ).
Durante a presentación tamén se fixo público o cartaz da X edición, obra do deseñador ferrolán Bruno Lopes Teixeiro por terceiro ano consecutivo, que recolle nunha imaxe a esencia do concurso: o orgullo pola cultura galega e o carácter combativo do certame.
Dende a comisión organizadora dos Novos Valores puxeron en valor que “a mocidade galega quere e consume cada vez máis música na nosa lingua”. Unha iniciativa que chega á súa 10ª edición demostrando a súa contribución á hora de visibilizar novas voces do panorama musical do país, con exemplos como De Ninghures, Filloas ou Ulex, entre outras.
“Levamos anos sufrindo o abandono institucional e vendo como a Xunta de Galiza gobernada polo PP marxina aos festivais que apostan pola nosa música mentres prefire destinar millóns a macrofestivais que exclúen o galego dos seus carteis”, contrapuxo o secretario xeral de Galia Nova, que cualificou o Festigal de “acto de resistencia” fronte a estas políticas e un “grito de rebeldía” en favor da lingua galega.
BASES
Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras, de grupos amadores ou profesionais. A media de idade das persoas que conformen o grupo non pode superar os 35 anos. As bases completas poden consultarse en festi.gal.
O xurado que decidirá as tres bandas finalistas estará composto por Artai Gavilanes e Alexandre Basteiro (Galiza Nova), Lucía Veciño (Fundación Galiza Sempre), Claudia Quintela (DJ), Anxo Sánchez (músico), Alberte Busto (guitarra e voz de Arrhythmia) e Hadrián García (De Ninghures).
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)