Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2025
O Festival Sisons celebrará en Santiago de Compostela a súa quinta edición do 15 ao 18 de outubro, consolidándose como unha das citas musicais máis destacadas do outono galego. Organizado por MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro, o evento contará con máis de vinte actividades artísticas, musicais e profesionais repartidas por diferentes espazos da cidade, coa colaboración do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e outras entidades.
O festival defínese baixo o concepto SiSONS Enclave Musical, un formato que combina reunións de profesionais do ámbito cultural e musical con actividades abertas ao público. Así, ademais dos concertos e showcases, haberá charlas, ponencias, mesas profesionais sobre dereitos de autor, mecenado fiscal ou internacionalización e espazos de networking, creando un encontro no que tanto artistas como asistentes poden gozar da música en vivo e achegarse á realidade do sector.
Espazos, concertos e foliada
A programación desenvolverase en escenarios emblemáticos como a Casa das Máquinas, a Sala Capitol, a Riquela, a Borriquita de Belém, a Casa das Crechas, o Pazo de San Roque o Parque de Bonaval, SGAE e dependencias da Secretaría Xeral da Lingua, convertendo Compostela nun auténtico enclave musical e cultural durante catro xornadas. O director do festival, José Francisco Saavedra, explicou en Radio Líder Santiago que o obxectivo é que “Sisons sexa un festival aberto á cidadanía, non só para profesionais do sector”.
Entre os concertos programados destacan nomes como Kreze, Francisco Moreira, Sekadra xunto a Leni Pérez e KMKR, que actuarán na xornada inaugural do día 15. O xoves 16 será a quenda de Crúas, Melón Jiménez & Lara Wong, Neval, Acouga, Adhara & Ritman e Bala, mentres que o venres 17 subirán aos escenarios Aksak, Alexia, Exeria, Billy Flamingos e De Ninghures. O festival pechará o sábado 18 cunha grande foliada no Parque de Bonaval, na que participarán Lenda Ártabra, Fiandola, Coanhadeira e Maghúa, ademais doutros artistas convidados.
Precisamente sobre esa foliada, Saavedra explicou que se trata dunha festa popular dedicada á música galega que durará de 13:00 a 21:00 horas e que contará cunha convocatoria aberta para que outros grupos se poidan sumar ao programa. “Abrimos o prazo de inscrición para que formacións que fagan música en galego, desde pandeireteiras ata grupos de gaita, poidan subir ao escenario e compartir 20 ou 25 minutos de música coa cidadanía”, sinalou o director, quen lembrou que as bases para participar están dispoñibles nas redes sociais do festival.
Ademais das bandas galegas, o Sisons traerá a Compostela artistas e entidades de Portugal, Italia, Cuba ou Alemaña, reforzando a súa dimensión internacional.
A maior parte da programación será de balde ata completar aforo, mentres que os concertos da Sala Capitol requiren entrada, dispoñible na web do festival. Como novidade, tamén se puxo en marcha un sorteo de entradas dobres a través das redes sociais.
“Sisons é unha oportunidade para descubrir novas propostas musicais, conectar con profesionais e vivir Compostela a través da música”, concluíu Saavedra, quen convidou á cidadanía a participar dunha cita que promete converter a capital galega no centro da creación musical durante catro días intensos.
Escrito por Líder Redacción
Asociación Cultural tres por catro De Ninghures Festival Sisons José Francisco Saavedra Musicarte Sisons
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)