Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 junio, 2025
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025 — Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, Viaqua e Cetaqua Galicia organizaron, coa colaboración co Concello de Santiago, o Foro Local da Auga, unha iniciativa que busca achegar á cidadanía o coñecemento e a importancia dos Recursos Hídricos Alternativos (RHA), promovendo a súa aceptación social e impulsando unha nova cultura da auga baseada na reutilización, a eficiencia e a economía circular.
Este foro, iniciativa impulsada polas Nacións Unidas e replicado en máis de 50 forma parte do proxecto europeo AWARD, financiado polo programa Horizonte Europa, que desenvolve ferramentas de avaliación e apoio á toma de decisións arredor da reutilización da auga. Durante o Foro, expuxéronse os principais avances tecnolóxicos e normativos neste ámbito e realizáronse dinámicas participativas que permitiron recoller percepcións, inquedanzas e propostas de mellora das persoas asistentes.
Tamén se presentaron as solucións baseadas na natureza, centrándose na que utiliza o proxecto AWARD para tratar as augas de escorrentía, como é un humidal artificial ubicado no polígono industrial da Sionlla, que axudará a protexer ao río Sar de verteduras de hidrocarburos, plásticos e outros contaminantes urbanos.
O Foro reuniu representantes da administración, do ámbito académico, do sector empresarial e do sector da auga, co propósito de debater sobre os retos e oportunidades que ofrece a reutilización da auga como vía para facer fronte á escaseza hídrica e avanzar cara a unha xestión máis resiliente e circular. Para iso, levouse a cabo unha dinámica de indagación e imaxinación que se basea na identificación e mapeo colectivo dos recursos hídricos alternativos.
A sesión foi inaugurada polo concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, Xesús Domínguez, quen destacou “como a colaboración entre diferentes entidades pode xerar oportunidades únicas, onde a innovación e a colaboración cidadá son fundamentais para construír unha cidade sustentable e resiliente”.
“Este Foro Local da Auga representa unha oportunidade clave para implicar o tecido social e empresarial nos debates sobre a sustentabilidade hídrica, e constitúe a primeira acción dunha liña de actividades futuras que seguirán esta vía participativa”, destacaron desde Cetaqua Galicia.
Pola súa banda, Nicolás Esmorís, director executivo de Viaqua, sinalou a “importancia de dialogar coa veciñanza, empresas e administracións para construír un novo modelo de xestión hídrica, máis circular, eficiente e conectado coas necesidades da cidadanía.”
Con esta acción, Cetaqua Galicia e Viaqua reafirman o seu compromiso coa concienciación social, a gobernanza participativa e a xestión innovadora do ciclo da auga, posicionando a Santiago como referente na aplicación de solucións sostibles no ámbito hídrico.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)