Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 4-11-2024.- O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón enviará medios e persoal especializado a Valencia para colaborar nas tarefas de busca e rescate das persoas afectadas polo desastre causado pola DANA. Este apoio comezará hoxe luns 4 de novembro e prolongarase ata o luns 11 de novembro, período no que cinco efectivos do GES de Padrón estarán desprazados na zona devastada. Esta axuda responde ao chamamento realizado pola Federación Española de Municipio e Provincias (FEMP) para mobilizar recursos.
O operativo está composto por dous xefes de equipo e tres bombeiros, que traballarán co obxectivo de colaborar coas autoridades locais na procura das persoas desaparecidas e na protección das zonas afectadas. O grupo está encabezado por Pablo Muñiz Touceda e David Morandeira Vázquez, que contarán con persoal capacitado en labores de rescate e apoio en emerxencias.
Para estas tarefas, o GES de Padrón contará cun Furgón de Salvamentos Varios (FSV), un Vehículo de Intervención Rápida (VIR), un remolque con material de achique e xeradores e unha balsa raft. Ademais envíanse equipos de achique, rescate e iluminación como motobombas e electrobombas con capacidade de achique de ata 7.200 litros por minuto, equipos de iluminación, catro xeradores eléctricos e equipamento de rescate acuático, de iluminación, de excarceración e rescate en altura.
O envío inclúe así mesmo diverso material de estabilización e detección, de limpeza e descontaminación.
Esta mañá, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, achegáronse á base do GES en Pazos para despedir aos efectivos e mostrarlles o seu apoio antes da partida.
Campaña de recollida
Por outra banda, o Concello de Padrón lembra que mantén activa a campaña de recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade para apoiar ás persoas afectadas pola DANA, especialmente na Comunitat Valenciana. Este punto de recollida está situado no Salón de Sesións do Concello de Padrón e estará operativo hoxe luns día 4 e mañá martes día 5 en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)