Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 febrero, 2026
Algunha das principais actuacións que se inclúen no orzamento son unha nova convocatoria de axudas para persoas con trastornos metabólicos, cubrir as pistas polideportivas do Milladoiro, habilitar novos aparcadoiros públicos en Bertamiráns e no Milladoiro, así como o novo mercado de abastos e banco de terras de produción local, que está incluído dentro do plan Conecta Ames
Blas García dixo “Ames é un concello solvente, e iso vainos permitir seguir investindo en infraestruturas necesarias no noso concello que imos poder facer a través dos orzamentos municipais, pero tamén a través de augas públicas de Ames. Levamos dúas actuacións que imos financiar cunha operación de crédito dentro dos orzamentos municipais: unha é a posta en marcha dun aparcamento en condicións e de calidade en Bertamiráns e outro no Milladoiro no que se porán a disposición da veciñanza 220 prazas cubertas. En Bertamiráns imos comprar as parcelas detrás da Policía local. Imos facer un aparcamento en condicións con cerca de 250 prazas de aparcamento”
O rexedor municipal engadiu “tamén nesta operación, investiremos máis de 1.100.000 euros para cubrir as dúas canchas polideportivas descubertas preto da piscina e da Casa da Cultura do Milladoiro. Vannos permitir ter un espazo para a práctica deportiva cando chova e poder dar un servizo mellor a clubs e escolas deportivas, pero tamén nos vai permitir ter un espazo de ocio e incluso lúdico para a mocidade, e un espazo comercial cando queiramos facer calquera tipo de actividade. Somos un Concello que pensa no futuro. Estamos facendo investimentos que van para máis dunha década. Somos un goberno que non nos conformamos e queremos seguir sendo referentes en Galicia en moitas políticas que estamos facendo”
Ames, 19 de febreiro de 2026.- Esta mañá o Goberno municipal presentou o orzamento consolidado para o exercicio 2026, que ascende á cifra de 43.334.228,98 euros, e que está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. Trátase do orzamento máis elevado da historia de Ames, o que supón un incremento do 18,89% con respecto ás contas do ano 2024. Isto é debido á consecución de fondos EDIL que fan un total en investimentos de 8.096.920,23 euros, o que supón case un 21% do total do orzamento, que xunto coa prestación de servizos (42,65%) supoñen un 63,54% do total. Este pasado mércores, 18 de febreiro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas e o vindeiro luns, 23 de febreiro, haberá un pleno extraordinario para debater e aprobar de xeito inicial, se procede, dito orzamento. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
Esta mañá o Goberno municipal presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2026. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de facer a presentación das contas para este exercicio. Tamén interviron Víctor Fernández, voceiro do grupo de goberno, e Blas García, alcalde de Ames. Ademais, varios dos/as concelleiros/as do grupo de Goberno asistiron á presentación de dito orzamento.
Unha vez ditaminado na Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, que se realizou este pasado mércores, 18 de febreiro, o vindeiro luns 23 de febreiro, ás 9.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario para aprobar de xeito inicial, se procede, o orzamento xeral de 2026 e da EPEL Augas de Ames, así como a aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames para este exercicio.
Os servizos públicos e investimentos representan o 63,54% do total do orzamento
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de facer a presentación das contas para este exercicio. Segundo indicou Susana Señorís “as principais claves que se recollen neste orzamento son os novos investimentos, a captación de fondos externos, os servizos de calidade, o compromiso cos/as traballadores/as municipais e a xestión financeira”.
“Trátase do orzamento municipal máis elevado da historia de Ames con 38.753.577,15 euros, o que supón un incremento do 18,89% con respecto ao do ano 2024, que obedece na súa maior parte a consecución de fondos EDIL, que fan un total en investimentos de 8.096.920,23 euros, que supón case un 21% do total do orzamento, que xunto coa prestación de servizos (42,65%) supoñen un 63,54% do total do orzamento. Estes dous capítulos de gasto son as principais liñas estratéxicas deste goberno, que segue apostando pola mellora e o reforzo continuo dos servizos públicos e por manter un alto ritmo de investimentos, que permitan seguir mellorando o noso concello, para que Ames sexa un bo lugar para vivir”.
Área de investimentos
A concelleira de Servizos Económicos destacou que “as contías máis importantes da área de investimentos do orzamento municipal son 1 millón de euros para o novo mercado de abastos e banco de terras de produción local, que está incluído dentro do plan Conecta Ames, que foi seleccionado dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL; 1.113.000 euros para dotar de cuberta ás pistas polideportivas do Milladoiro; 810.000 euros para mercar un autobús para a liña Bertamiráns – O Milladoiro; e 416.096,99 euros do PERTE para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga que recolle un gran número de actuacións clasificadas en tres grandes grupos: planificación, mellora de eficiencia e dixitalización, e xestión da información”.
Área de gasto corrente
Por outra banda, dixo que “para o gasto corrente e á prestación de servizos contémplase unha partida de 16.530.307,47 euros que garanten que o Concello funcione con eficacia, mantemento de parques e xardíns, actividades culturais e deportivas, educación, medio ambiente, promoción do comercio, e benestar social. Temos que engadir que moitos destas actuacións non poderían levarse a cabo sen algo fundamental no noso concello, como é o persoal, partida que se incrementa nun 32,32% no que se recolle unha subida do 2,5% de atrasos, a subida contemplada na RPT, e a subida aprobada polo Goberno do Estado. A non aprobación deste orzamento suporía que os atrasos se acumularan, e repercutiría negativamente xa que non se actualizarían as retribucións do persoal. Ademais, non sería posible executar este orzamento sen a colaboración de outras administracións que confían en Ames, resultado de anos de bo facer e responsabilidade”.
Prioridades: benestar e cohesión social, mellora dos servizos públicos e novos investimentos
O alcalde de Ames, Blas García, explicou “temos unhas prioridades moi claras, que se ven reflectidas nestes orzamentos: a primeira, sen dúbida, é o benestar e cohesión social do noso concello. Sobre todo axudar a aquelas persoas que máis o necesitan e que noten que dende o goberno de Ames estamos aí para axudalos. Medidas como a conciliación, apoio ás persoas maiores que viven soas, este ano imos incluír unha axuda para as familias que teñen nas súas casas a persoas con trastornos metabólicos. A segunda das prioridades é a mellora dos servizos públicos. Ames é un concello de servizos e a maior parte do noso orzamento sempre vai para cubrir eses servizos. Este ano imos seguir apostando polos servizos: mobilidade, mellora das instalacións municipais, eficiencia enerxética… temos tamén un compromiso claro e contundente coa cultura, deporte, pero sobre todo coa nosa lingua. Ames é un referente neste senso. Contamos con diversas axudas para comisións de festas, asociacións culturais e deportivas, asociacións de veciños…”.“Ames é un concello solvente, e iso vainos permitir seguir investindo en infraestruturas necesarias no noso concello que imos poder facer a través dos orzamentos municipais, pero tamén a través de augas públicas de Ames. Levamos dúas actuacións que imos financiar cunha operación de crédito dentro dos orzamentos municipais: unha é a posta en marcha dun aparcamento en condicións e de calidade en Bertamiráns e outro no Milladoiro no que se porán a disposición da veciñanza 220 prazas cubertas. En Bertamiráns imos comprar as parcelas detrás da Policía local. Imos facer un aparcamento en condicións con cerca de 250 prazas de aparcamento”.
“Tamén nesta operación, investiremos máis de 1.100.000 euros para cubrir as dúas canchas polideportivas descubertas preto da piscina e da Casa da Cultura do Milladoiro. Vannos permitir ter un espazo para a práctica deportiva cando chova e poder dar un servizo mellor a clubs e escolas deportivas, pero tamén nos vai permitir ter un espazo de ocio e incluso lúdico para a mocidade, e un espazo comercial cando queiramos facer calquera tipo de actividade. Somos un Concello que pensa no futuro. Estamos facendo investimentos que van para máis dunha década. Somos un goberno que non nos conformamos e queremos seguir sendo referentes en Galicia en moitas políticas que estamos facendo”.
“Presentamos estes orzamentos despois de escoitar a moitos veciños, asociacións e colectivos e de analizar e priorizar os cartos. Priorizamos nas cousas que consideramos máis importantes para a veciñanza. O que buscamos é que cada euro está pensado para que volva á veciñanza en forma de servizo, oportunidades e calidade de vida. Non temos a maioría para aprobar os orzamentos, pero imos seguir loitando para que se poidan executar. Para iso, se o luns no pleno extraordinario que se vai celebrar non saen aprobados, teremos que vinculalos a unha cuestión de confianza. Isto quere dicir que durante un mes os grupos da oposición poderán falar entre eles para facer unha moción de censura e se non é así os orzamentos entrarán en vigor”.
“Creo que na política os que estamos ostentando un cargo público, en certos momentos, cando non somos capaces de sacar un tema adiante, o que temos é que expoñernos e dar un paso para que sexan o resto das persoas as que nos xulguen. Neste caso, que sexan os propios grupos da oposición os que, se consideran que estes orzamentos non son positivos para os veciños e veciñas de Ames, poidan falar entre eles e buscar unha alternativa. Nós non temos medo á democracia, pero estamos convencidos de que estamos facendo o que temos que facer, que é gobernar”.
Amortización total da débeda municipal
Por último, o voceiro do grupo de goberno, Víctor Fernández, destacou que “son uns orzamentos históricos pola súa contía económica. Trátase dun orzamento consolidado para o 2026 que supera os 43 millóns de euros e constitúe unha mostra clara do compromiso firme deste goberno polo investimento e a mellora continua de todos os servizos públicos. Trátanse duns orzamentos expansivos e dinamizadores pola súa contía e claramente inversores, que apostan tanto polos núcleos urbanos como polos núcleos rurais”.
“Esta importante contía ven amosar a capacidade económica e a capacidade de xestión deste goberno, e que ademais se ven salientadas por un fito que permite consolidar estes orzamentos, que é o feito de que no ano 2025 o Concello de Ames acadou o fito de presentarse sen débeda, unha amortización total da débeda, de tal xeito que desfrutamos dunha economía totalmente saneada e por tanto unha economía e unha facenda municipal eficiente de cara a formular estes orzamentos con esta importante contía económica”.
“Por tanto, un orzamento deseñado para consolidar todos os servizos públicos, tanto aqueles directamente vinculados ás persoas como poden ser as políticas de servizos sociais, benestar social e garantir por tanto a continuidade dos servizos públicos e tamén facer unha aposta importante polo investimento público e a obra pública. Ames segue medrando, é un concello que non para, e que por tanto este goberno responde coa planificación que se contén nestes orzamentos a unha planificación e recursos que van permitir consolidar eses mellores servizos públicos e por tanto presentar unha administración, que está totalmente preparada para afrontar o presente e, desde logo, o futuro que nos vén en adiante, nos vindeiros meses”.
Son uns orzamentos que necesita neste momento o Concello e que están pegados ás necesidades e por tanto dinamizadores de todas as políticas sociais. Imos dar un salto cualitativo con esa recollida económica que figura nos orzamentos deses fondos europeos a través do proxecto EDIL, que imos levar a cabo e que nos van marcar nos meses inmediatos un salto moi cualitativo”.
Gasto por áreas
O orzamento consolidado para o exercicio 2026 ascende á cifra de 43.334.228,98 euros. Dito presuposto está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. O orzamento municipal de 2026 medra en 6.185.153 euros respecto do presuposto de 2024, e increméntase respecto de 2024 en 10.755.804 euros se temos en conta o orzamento consolidado de 2026, que tamén inclúe o orzamento da EPEL Augas de Ames.
A principal área de gasto é educación co 17,36% do total do orzamento. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 15,10%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 8,43%. Na cuarta posición queda medio ambiente co 8,35% do gasto total. A continuación, aparecen outras áreas como son seguridade e mobilidade cun 7%; cultura cun 6,76%; servizos de carácter xeral cun 6,14%; deporte cun 5,83%; vivenda e urbanismo cun 4,87%; administración financeira e tributaria cun 3,79%; e comercio, turismo e pequenas e medianas empresas cun 3,73%.
Resumo de ingresos por capítulos
Os ingresos do Concello de Ames, que suma un total de 38.743,577,15 euros, divídense en 9 capítulos. Os ingresos directos, que ascenden a 9.491.310,80 euros, supoñen un 24,49% do total de ingresos e son un dos piares do financiamento municipal. O principal tributo é o IBI cun 74,50% deste capítulo, imposto que segue sen modificarse, polo que este incremento é debido aos novos inmobles construídos en Ames. Os impostos indirectos, que ascende a 1.123.690,45 euros e representan o 2,90%, soben 576.551,65 euros con respecto ao orzamento do 2024, isto é debido ao dinamismo económico local (a contía recadada polo ICIO aumenta con respecto ao 2024, debido ao interese inversor neste concello).
Por outra banda, as taxas, prezos públicos e outros ingresos ascende a 6.403.603,27 euros (16,52%); as transferencias correntes son de 14.203.265,49 euros e representan o 36,65%; os ingresos patrimoniais son de 165.000 euros (0,43%). A través destes cinco capítulos de operacións correntes acádanse uns ingresos de 31.386.870,01 euros (80,99%).
Ademais, as operacións de capital ascenden a 4.602.707,14 euros (11,88%) e están divididas en alleamento de investimentos reais (1.455.000 euros – 3,75%) e transferencias de capital (3.147.707,14 euros – 8,12%). Por último, as operacións financeiras ascenden a 2.764.000 euros (7,13%): os activos financeiros son 18.000 euros (0,05%) e os pasivos financeiros son de 2.746.000 euros (7,09%).
Resumo de gastos por capítulos
O apartado de gastos, que suma un total de 38.753.577,15 euros, está composto por sete capítulos divididos en operacións non financeiras e operacións financeiras. Gastos de persoal, con 12.526.365,68€ (32,32%); gastos correntes en bens e servizos, con 16.530.307,47 euros (42,65%); gastos financeiros, con 13.000,00 euros (0,03%); transferencias correntes, con 1.295.711,41 euros (3,34%); e investimentos reais, con 8.096.920,23 euros enmárcanse dentro das operacións non financeiras, que supoñen un gasto de 38.462.304,79 euros (99,25% do total de gastos).
En canto ao apartado das operacións financeiras, este está composto por dous capítulos: activos financeiros, con 18.000 euros, e os pasivos financeiros, con 273.272,36 euros. En total, as operacións financeiras contemplan un gasto total de 291.272,36 euros e unha achega 0,75% ao conxunto total do apartado de gastos.
Orzamento EPEL de Ames
Por outra banda, tamén se presentou o orzamento da EPEL Augas de Ames para o exercicio 2026 (que inclúe os orzamentos de explotación e capital da entidade para 2026, previsión do balance de situación, cadro de persoal da EPEL con detalle das retribucións totais previstas, así como o programa de actuación plurianual 2026-2028); e a aprobación da masa salarial do persoal laboral para 2026. Trátase dun presuposto equilibrado entre ingresos e gastos que ascende a 4.580.651,83 euros. O orzamento de 2026 recolle dous importantes investimentos: a obra de abastecemento de auga potable dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, Bertamiráns e ao rural; e mailo reforzo da rede de abastecemento na avenida da Maía, en Bertamiráns.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)