Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 enero, 2025
No documento, o GMS destaca que os servizos municipais certificaron que Gonzalo Muíños non perdeu a súa condición de concelleiro do grupo, a pesar da suspensión temporal de militancia comunicada polo PSOE hai unha semana. Segundo o informe técnico-xurídico da Secretaría Xeral do Pleno, unha suspensión non definitiva de militancia non supón, en ningún caso, a perda de dereitos como concelleiro, nin se pode considerar un motivo para que pase a ser «non adscrito».
A polémica intensificouse co intento de nomear un novo portavoz municipal, promovido pola dirección local do partido a través de Gumersindo Guinarte, decisión que o GMS cualificou de «nula de pleno dereito». No comunicado afírmase que Guinarte non posuía lexitimidade para convocar unha reunión na que se decidise este cambio, xa que a exclusión de Gonzalo Muíños non tiña base legal.
O grupo tamén denuncia que a expulsión provisional de catro dos seus membros baséase nunha convocatoria que consideran ilexítima e que, segundo eles, viola os dereitos fundamentais dos concelleiros. Insisten en que esta medida, contemplada só para casos de extrema gravidade como corrupción ou delitos flagrantes, foi empregada de forma abusiva para forzar un cambio na composición do grupo municipal.
Neste sentido, os afectados aseguran que estas actuacións obedecen a un «plan» por parte da dirección local para forzar a dimisión de concelleiros e facilitar a entrada na corporación do secretario local do PSdeG-Santiago. Este feito foi cualificado como «quítate ti para poñerme eu», segundo recollen no comunicado.
Finalmente, o GMS lamenta profundamente o impacto negativo destas decisións sobre a imaxe do Partido Socialista no Concello de Santiago. Recordan que o PSOE liderou o goberno municipal durante tres décadas, contribuíndo ao deseño e coidado da cidade con vocación de servizo público, un legado que, segundo o grupo, está sendo prexudicado por esta situación.
Os afectados anuncian que presentarán alegacións e, de ser necesario, recorrerán á vía xurisdicional para defender os seus dereitos e manter a estabilidade do grupo municipal.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)