AD

Actualidad

O grupo socialista insta á Xunta a modificar o trazado da senda ciclista que atravesará o Banquete de Conxo

today22 junio, 2024

Background
share close
AD

Logo dun encontro coa asociación veciñal de Conxo Aberto aseguran que, logo de comezar as obras, “está demostrando que é unha actuación agresiva nun ámbito moi sensible” 

Mercedes Rosón critica que a administración autonómica faga “caso omiso” á mobilización veciñal e lembra que a fiscalía de Medio Ambiente abriu xa dilixencias previas ante a denuncia da veciñanza

Santigo de Compostela, 22 de xuño de 2024.- Os socialistas instan á Xunta de Galicia a paralizar as obras da senda ciclista que atravesa o bosque do Banquete de Conxo. O fan despois de que, iniciadas as obras, “quedara demostrado que é unha actuación agresiva que para nada responde aos criterios de mínima intervención nun ámbito tan sensible”. Así o denuncia Mercedes Rosón, que defenderá no pleno ordinario do vindeiro xoves unha proposición na que se lle solicita ademais ao Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) un informe que avalíe o impacto desta infraestrutura no ámbito do Mosteiro de Santa María de Conxo, o Bosque do Banquete e a contorna de Santa María de Sar.

“É incomprensible a obcecación da Xunta de Galicia con serrar o bosque do banquete de Conxo para executar a súa senda ciclista que une con San Caetano” critica Rosón que, sinala ademais a “pouca utilidade práctica” de esta infraestrutura en materia de mobilidade: “é un deseño que responde máis a un uso recreativo”. Neste sentido, lembra que o goberno socialista de Sánchez Bugallo presentara xa en febreiro do 2023 alegacións a todo o proxecto instando á administración autonómica a reconsiderar os tramos que afectan a eses tres ámbitos.

Unhas alegacións, nas que se instaba a buscar outras alternativas que implicasen “a mínima intervención posible”, empregando os camiños existentes sen amplialos e sen proceder ao aporte de materiais artificiais na procura dunha solución que provocase “o menor impacto posible”. De feito, propuñan que se substituíra o itinerario que atravesa o Banquete por unha alternativa que transcorría polo aparcadoiro do Hospital Provincial.

“A Xunta fai caso omiso á mobilización veciñal”

Logo dun encontro coa asociación veciñal de Conxo Aberto no que participaron tamén o portavoz socialista, Gonzalo Muíños, e a edil Mila Castro; Rosón argumenta que o proxecto que a Xunta está a executar “podería non ser compatible” co proxecto municipal do ECO-BOSQUE-RIOSAR, unha actuación que precisamente persegue a recuperación do hábitat fluvial do Bosque do Banquete de Conxo e do río Sar, financiadoademais con fondos Next Generation, e que, “para nada permitiría por exemplo, a pavimentación dos camiños ou a instalación de máis luminarias”.

Así, acusa á Xunta de facer “caso omiso” á mobilización veciñal, “ás alegacións presentadas polo Concello” e, incluso, de “obviar” que a fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias previas ante a denuncia da veciñanza.

Será o vindeiro xoves cando o pleno da Corporación Municipal terá que tomar posicións a este respecto, xa que a proposición socialista pasa por instar á Xunta a paralizar as obras e modificar o trazado, así como por elevar ao ICOMOS unha solicitude de informe que avalíe as consecuencias de esta actuación.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%