Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2026
“A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar o espírito crítico, animando o alumnado a formular preguntas, analizar a realidade desde diferentes perspectivas e comprender a relación entre a creación artística e o pensamento científico e humanístico”, asegura Ana María Álvarez Chamosa, vicedirectora do IES de Sar e promotora desta iniciativa.
Santiago de Compostela, 5 de marzo.- O IES de Sar pon hoxe punto e final á III edición da Semana das Artes e das Ciencias, unha iniciativa educativa que combina ciencia, arte, pensamento e creación coa participación de profesionais de diferentes ámbitos. Ao longo de catro xornadas, o alumnado participou en obradoiros, conferencias, encontros e saídas culturais baixo o lema de “seguir a sementar soños”.
A semana comezou o luns cun intenso programa de actividades. O alumnado de 2º de Bacharelato asistiu no cinema Numax á proxección do filme Karl Marx de mozo, mentres que o alumnado de 1º da ESO desprazouse ao Auditorio para gozar do espectáculo musical Farra. No propio centro tiveron lugar varias intervencións de convidados: o fotoxornalista Óscar Corral compartiu a súa traxectoria profesional poñendo o foco no valor plástico da fotografía; as antigas alumnas Sandra Zarco e Candela Martínez relataron as súas experiencias no mundo da escena; o ilustrador Marcos Calo (Dibumac) achegou ao alumnado ao universo dos videoxogos; e o actor Diego Anido falou do seu percorrido profesional nas artes escénicas.
O martes continuaron as actividades cunha xornada marcada pola diversidade temática. O investigador Miguel González impartiu unha charla sobre as chamadas tesoiras moleculares. Pola súa banda, Montse Fajardo Pérez realizou unha reflexión sobre a represión das mulleres durante a ditadura franquista. A ilustradora Rosalía Morlán invitou ao alumnado a soñar coa arte e a ilustración como linguaxes interconectadas. A xornada pechouse cun dinámico obradoiro de blues conducido por Adrián Costa, que fixo vibrar o instituto coa participación de toda a comunidade educativa.
No terceiro día, o mércores, o poeta Baldo Ramos falou sobre a poesía galega contemporánea desde a perspectiva de quen tamén forma parte do actual panorama creativo do país. Ademais, Nacho Alemparte, de Fundoro, impartiu o taller Navegando a cegas, unha proposta sobre a busca histórica dun método para calcular a lonxitude no mar. Este proxecto foi recoñecido co primeiro premio no certame Ciencia en Acción celebrado en Onda (Castellón).
A programación conclúe hoxe, xoves cunha nova saída ao cinema Numax para asistir á proxección de A miña ilustrísima amiga. Posteriormente, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Francisco López González ofrecía unha conferencia titulada Leonardo e a representación gráfica das súas ideas. A semana péchase cun obradoiro de escrita impartido por Miguel Giadás, especialista en historiografía medieval hispánica.
“A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar o espírito crítico, animando o alumnado a formular preguntas, analizar a realidade desde diferentes perspectivas e comprender a relación entre a creación artística e o pensamento científico e humanístico”, asegura Ana María Álvarez Chamosa, videdirectora do IES de Sar.
“Este tipo de encontros contribúe ao desenvolvemento persoal e académico, favorece a curiosidade, a capacidade de expresión, o traballo colaborativo e a toma de decisións conscientes sobre o futuro”, sinala a promotora desta iniciativa que vai xa pola súa terceira edición.
Con esta terceira edición, o IES de Sar consolida unha proposta educativa que aposta por conectar o alumnado coa creación artística, a investigación científica e o pensamento crítico, reforzando o compromiso do centro coa cultura e coa educación integral do seu alumnado.
Participantes nesta terceira edición segundo a actividade:
Óscar Corral (Fotografía)
Sandra Zarco (Artes escénicas)
Candela Martínez (Artes escénicas)
Marcos Calo (edición de videoxogos)
Miguel González Blanco (Ciencias e tecnoloxía)
Montse Fajardo (Xornalismo. Literatura e memoria histórica)
Rosalía Morlán (Literatura e poesía)
Adrián Costa (Música)
Diego Anido (teatro e cine)
Xosé Tomás (ilustración e educación)
Baldo Ramos (Arte visual e literatura)
Eva Cernadas (Divulgación científica)
Francisco López ( Divulgación científica)
Miguel Giadás (Investigación e filoloxía)
Óscar Aldonza (Produción e escultura)
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)