Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 noviembre, 2025
O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, coa colaboración da Xunta a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convoca o VIII Premio Stephen Hawking, que tamén patrocinan entidades privadas como Feiraco, Finsa e Ternera Gallega Este certame contempla a realización de traballos orixinais de investigación ou de divulgación asinados por estudantes de bacharelato, relacionados co tema de carácter científico proposto na convocatoria. Cada ano, ademais, o Premio Stephen Hawking conta cunha persoa de recoñecido prestixio en ámbitos científicos para coordinar o certame, escoller o lema e presidir o xurado.
Nesta oitava edición, a coordinadora será a física Mar Capeáns Garrido (Santiago de Compostela, 1967), actual xefa de Departamento de Enxeñería Civil e de Instalacións do CERN e a súa próxima directora de Operacións a partir de xaneiro do ano que vén. O lema escollido este ano é Construíndo futuro, polo que se poderán presentar investigacións ao redor das ideas que suxire este lema e tamén sobre a figura de Capeáns Garrido e as súas achegas á area da física de partículas.
O certame está aberto ao alumnado dos centros galegos, en especial os que imparten o Bacharelato STEM, e dos centros estatais de ensino público. Para concorrer, cómpre presentar de forma individual ou colectiva -por grupos de non máis catro integrantes- proxectos de investigación desenvolvidos no bacharelato entre os cursos 2023-2024, 2024-2025 e 2025-2026. Os participantes deberán estar coordinados, en todo caso, por un/unha docente, que realizará funcións de supervisión dos traballos e se responsabilizará da súa autoría orixinal.
Bases e prazo de presentación
Os proxectos que se presenten deben planificarse como traballos de investigacións que, chegados o caso, puideran culminar nun artigo susceptible de ser publicado en revistas científicas, cunha extensión máxima de 4000 palabras. Poderanse presentar traballos en catro campos: Matemáticas e Ciencias da Computación; Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais; Física e Química, e Ciencias Sociais, Humanidades e Artes. Os traballos definitivos deberán presentarse antes do venres 13 de marzo a través do correo electrónico: premiostephenhawking@iesrosaliadecastro.org. A xornada de presentación de proxectos fronte ao xurado e a entrega de premios celebraranse en abril de 2026. As bases ao completo deste certame, que contempla a repartición de 4600 euros entre os proxectos premiados, poden consultarse no web do IES Rosalía a través desta ligazón.
Escrito por Líder Redacción
IES Plurilingüe Rosalía de Castro IES Rosalía de Castro Mar Capeáns Premio Stephen Hawking Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)