AD

Actualidad

O IES Rosalía entregará o 21 de xaneiro o Premio San Clemente, “un día moi especial para todo o centro”

today28 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • A vixésimo novena edición do certame recoñece as novelas Pel de Cordeiro de Ledicia Costas, La Península de las Casas Vacías de David Uclés e Misericordia de Lidia Jorge, elixidas por alumnado de dez centros galegos, madrileños e europeos.

“O Premio San Clemente é o día grande do Rosalía, unha festa da lectura que nos une como comunidade educativa.” Así definiu Gemma Paredes, directora do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, o espírito dun galardón que, desde 1993, converte o alumnado en verdadeiro protagonista: len, debaten e deciden.

A directora lembrou que o certame naceu hai máis de tres décadas co impulso do equipo directivo encabezado por Ubaldo Rueda e Maribel Martín, e tamén coa colaboración de profesorado e entidades privadas que axudaron a poñelo en marcha. “Foi un proxecto valente e innovador, pensado para achegar os grandes nomes da literatura contemporánea á mocidade lectora”, destacou.

O xurado deste certame literario de gran prestixio está formado por alumnado de Bacharelato de dez centros: seis galegos —entre eles o Rosalía de Castro—, un de Madrid e tres internacionais, situados en Reino Unido, Alemaña e Francia. Son eles quen len as obras finalistas, comparten impresións en clubs de lectura, debaten e votan ata elixir as gañadoras. “Sintense protagonistas, con capacidade para opinar, argumentar e decidir. É unha experiencia que os fai descubrir a lectura como algo vivo e compartido”, explicou Paredes.

Nesta vixésimo novena edición, o Premio Arcebispo Juan de San Clemente recoñeceu tres obras en distintas linguas: en galego, Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas; en castelán, La Península de las Casas Vacías, de David Uclés; e en lingua estranxeira, Misericordia, da autora portuguesa Lidia Jorge. O proceso arranca meses antes cunha preselección de nove finalistas realizada polo profesorado, que le as novidades publicadas o ano anterior e propón títulos de calidade para someter á valoración do alumnado.

A entrega dos galardóns celebrarase o 21 de xaneiro de 2026. Pola mañá haberá encontros literarios cos autores e autoras premiados, e pola tarde, o acto oficial rematará cunha cea de convivencia que reúne a estudantes, docentes e escritores nun ambiente de diálogo e celebración cultural.

No plano persoal, Gema Paredes, que leva 24 anos no Rosalía e cumpre o seu segundo curso como directora, contou que asumir a dirección tras dez anos formando parte do equipo de Xavier Mouriño foi “un paso natural”. Coñecía ben o funcionamento do centro e decidiu continuar coa mesma liña de traballo e o mesmo equipo. “Foi unha responsabilidade grande, pero tamén unha continuidade lóxica. O Rosalía é moito máis ca un centro: é unha familia que comparte valores e proxectos”, sinalou.

Durante a conversa, Paredes lembrou tamén anécdotas que forman parte da historia do premio, como a visita de Haruki Murakami, un autor que apenas se despraza para recoller galardóns, ou a presenza en Santiago de escritores e escritoras que anos despois recibirían o Premio Nobel de Literatura, entre eles José Saramago, Mario Vargas Llosa ou Han Kang. “Para eles é especial compartir un día cun xurado de estudantes, con xente nova que le e opina con liberdade”, apuntou.

Pensando xa na trixésima edición, que se celebrará en 2027, a directora adiantou que o instituto “preparará algo especial, como se fixo nos 25 anos”, mantendo o mesmo espírito que desde o principio fixo do San Clemente un referente: fomentar a lectura, o pensamento crítico e o encontro entre culturas a través da literatura. “O Premio San Clemente lévase no corazón. É moito máis ca un galardón: é unha lección anual de lectura, pensamento crítico e comunidade”, concluíu Paredes, visiblemente orgullosa da traxectoria dun premio que leva o nome de Santiago por todo o mundo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *