Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 febrero, 2024
Postos liderados por mulleres, música en directo e actividades para todos os públicos amenizarán o casco histórico durante todo o día
No Día Internacional da Muller farase un percorrido guiado para ver á exposición ‘Rumorosas 2024’, que rende homenaxe a mulleres destacadas de Padrón
A obra ‘Invisibles’ pechará a súa xira no auditorio municipal o 8 de marzo ás 18:00 horas
O Concello de Padrón inicia este sábado co mercado de artesanía liderado por mulleres ‘Voces Delas’, música en directo e obradoiros para todos os públicos, unha ampla oferta de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. A programación, deseñada pola Concellería de Igualdade e o CIM, desenvolverase durante todo o mes de marzo cunha clara vocación participativa, para que toda a cidadanía poida desfrutar das diferentes propostas.
O mercado de artesanía ‘Voces Delas’ colocará os seus postos, liderados por mulleres, dende a rúa Longa ata a praza da Igualdade este sábado 2 de marzo. Poderá visitarse de 11.00 a 19.00 horas nun espazo que estará amenizado coa DJ Riquinha na sesión vermú e, pola tarde, con música do grupo Mima Truck (18.30 horas na praza da Igualdade). “Preparamos esta completa xornada coa finalidade de crear un espazo de encontro e aprendizaxe ameno“ sinala a concelleira de Igualdade, Mariló Saco.
‘Dálle volta ao cubo’ é unha actividade dirixida á cativada de 4 a 8 anos e de 8 a 12 anos. Martha Franco realizará dúas sesións na praza de Baltar (16.30 E 17.20 horas) para que, mediante o xogo, os menores aprendan a crear diferentes historias que racharan cos roles de xénero instaurados, na procura dunha convivencia máis igualitaria.
As persoas adultas poderán participar na ‘Danza Río Aberto: movemento vital expresivo’, na praza de Igualdade (17.00 horas). A proposta de Martha Franco permite baixar a carga emocional e regala vitalidade dende a primeira sesión mediante a consciencia corporal e o movemento da danza.
Entre o 5 e 6 de marzo, os nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro e Flavia poderán visualizar a obra de teatro infantil ‘A miña historia’ baseada na figura da nosa ilustre muller Rosalía de Castro á que está adicado o noso Plan de Igualdade do Concello de Padrón. Ademais as actividades lúdicas cubrirán todo o mes mediante “Mulleres visibles” un programa de actividades de sensibilización que levará a dinamizadora do CIM a todas as escolas unitarias e de educación infantil do concello.
Por outra banda, haberán dous obradoiros dirixidos ás persoas adultas. ‘Coidado emocional e empoderamento creativo’: servíndonos de técnicas de debuxo, escritura, barro ou movemento fomentarase o empoderamento e a xestión das emocións mediante o coaching persoal e de grupos. As sesións serán os días 5, 12, 19 de marzo e 2 de abril de 18:15-20:15 horas na Aula do Centro Social. O Empoderamento dixital para mulleres’ celebrarase o 15 e 22 de marzo e 12 e 19 de abril de 18:00-19:30 horas na Aula Cemit. Para a inscrición nestes obradoiros poderán facelo presencialmente nas oficinas do CIM, no tltno. 611003472 ou cim@padron.gal.
O 8 de marzo Día Internacional da Muller, presentarase a exposición Rumorosas 2024 cun percorrido polas rúas a partir das 17:00 horas dende a praza da Igualdade. O percorrido permitirá coñecer a cada unha das mulleres padronesas destacadas pola súa labor, á vez que permitirá unha reflexión sobre a situación actual das mulleres e como fixeron e fan fronte aos desafíos sociais, económicos e políticos do pasado, presente e futuro. Máis tarde, ás 18:00 horas no auditorio municipal de Padrón, pechará a xira da obra ‘Invisibles’ baseada nos relatos reais de mulleres que foron vítimas de violencias machistas. A estas mulleres darán voz as actrices Mela Casal, Neves Rodríguez e Sheyla Casal. O acto institucional e homenaxe ás Rumorosas 2024 terá lugar ás 19:30 horas.
A presentación do libro ‘A única, María Casares, de Anne Plantagenet, o 22 de marzo ás 18:00 horas no auditorio da Fundación Rosalía de Castro, pechará este mes de actos. Todas as persoas asistentes poderán adquirir exemplares da obra e coñecer a figura da gran actriz que será presentada pola concelleira de Igualdade, Mariló Saco, e pola actriz gañadora dun Mestre Mateo 2023 por Rapa, coa editora da edición en galego e a cal coñeceu en persoa a María Casares, Berta Ojea.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)