Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 junio, 2024
Padrón. 06-07-2024.- O Concello de Padrón inaugurou este venres o Mercado Medieval, unha cita que durante tres días trasladará ata o medievo á capital da comarca do Sar. Cunha cifra récord de máis de 120 postos de artesanía e 30 en lista de agarda, música en vivo, espectáculos de lume e unha ampla programación de actividades pensadas para todas as idades e todos os gustos, a vila é durante esta fin de semana un referente cultural e festivo.
A feira comezou con forza o venres ás 19.00 horas, coa apertura dos obradoiros de vidro e coiro na rúa Real e coas atraccións infantís e o photocall na praza Manuel Rodríguez Cobián. Os artesáns animaron o mercado amosando a súa habilidade e os seus produtos únicos, creando un ambiente acolledor e creativo.
Os Kilomberos de Monte Alto encheron tamén de música, enerxía e alegría cada recuncho da vila durante toda a tardiña. Ás 19.30 horas foi o momento dun dos momentos máis agardados coa espectacular demostración do vidreiro real na rúa Real.
O punto álxido da noite chegou ás 20.00 horas no atrio do convento do Carme, coa primeira actuación do programa Solpores Musicais. Historia, patrimonio e arte mestúranse nesta nova proposta do Concello que abriu a banda de Xoán Curiel coa presentación do seu disco Treides comigo! A actuación transportou aos asistentes a tempos antigos con melodías e letras cheas de historia e emoción. A música de Xoán Curiel, combinada coa atmosfera máxica da feira e do convento, creou unha experiencia inesquecible.
Os obradoiro de vidro e coiro, os postos de artesanía e comida e as diferentes actuacións musicais e os espectáculos mantiveron a diversión e a celebración ata altas horas da noite.
O sábado ao mediodía, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, as concelleiras Chus Campos e Ana Castro, e o concelleiro Luis Mariño realizaron un paseo polo mercado. Durante este percorrido, tiveron a oportunidade de conversar con comerciantes, cos artesáns e coa veciñanza, escoitando as súas opinións e comentarios sobre o evento. Este achegamento permitiu que as autoridades locais puidesen obter unha visión directa das experiencias e necesidades dos participantes, así como debater sobre os posibles candidatos a gañar os premios aos locais mellor decorados desta edición. Este acto que recoñece o esforzo e a creatividade dos comerciantes na ambientación dos seus postos terá lugar o domingo ás 18.15 horas.
A actividade manterase na vila ao longo de toda a fin de semana uníndose ademais na mañá do domingo coa celebración do mercado dominical.
A edición 2024 deste Mercado baixará o pano mañá ás 22.30 horas cun gran espectáculo de lume, Andanadas, que iluminará o ceo de Padrón e deixará unha impresión duradeira en todos os asistentes. Este espectáculo promete ser o broche de ouro perfecto para unha feira que combinou tradición, arte e diversión.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)