Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Monbus Obradoiro chegaba ao partido correspondente á quinta xornada da Copa España dependendo de si mesmo para lograr o pase a cuartos. Servíalle gañar ou perder por menos de tres puntos. En cambio, ao CB Prat só lle valía a vitoria cunha diferenza de 9 ou máis puntos se querían continuar na competición.
Pitaba o árbitro e o Sar púñase en pé á espera da primeira canastra local, que acabou entrando por medio de Leimanis aos dous minutos e medio de xogo, despois dun triplo dos cataláns. Volvían anotar os visitantes, pero Micovic puxo a igualdade co primeiro triplo do Monbus Obradoiro, ao que seguiron outros dous, un de Harguindey e outro de Leimanis (11-7).
Cando o CB Prat colleu impulso e tiña a intención de darlle a volta ao marcador, volvían chegar os triplos para os galegos, desta vez a mans de Alonso Grela (14-10). Co paso dos segundos continuaban entrando as canastras a favor dos de Santiago, que abrían distancias no marcador. O final do primeiro cuarto chegou cunha diferenza de 14 puntos (27-13).
O segundo cuarto comezaba cun triplo de Nogués para os visitantes. A tónica do cuarto sería a mesma que no primeiro, con poucas canastras ao comezo. Pasaba o cronómetro e ambos equipos animábanse en ataque, chegando á metade do cuarto practicamente coa mesma diferenza coa que rematou o primeiro, pero con máis puntos (34-21).
Na segunda metade do cuarto ambos equipos continuaron ampliando os seus marcadores practicamente á par, chegando ao descanso cunha distancia de trece puntos, a mesma que cinco minutos antes (43-30).
Volvían ambos equipos á cancha do Fontes do Sar. Galán desde a liña de tiros libres anotaba os dous primeiros puntos tras o ecuador. Seguíanlle Stevic, Quintela e Leimanis ata chegar á media centena de puntos (51-37).
Dous triplos seguidos de Toms Leimanis fixeron que o Monbus Obradoiro mantivese a súa renda no marcador a pesar das boas ofensivas do seu rival. O final do terceiro cuarto chegou cos locais amosando un bo xogo en ataque, aumentando as diferenzas co rival (62-47).
No último cuarto do partido parecía estar todo decidido, cun CB Prat que, a pesar do seu esforzo, non conseguía poñer en apuros ao equipo dirixido por Gonzalo Rodríguez. Os galegos aproveitaron os últimos minutos de partido para aumentar a súa renda e finalizar o encontro cun 81-62, logrando o pase a cuartos de final da Copa España.
Ficha técnica
81 – Monbus Obradoiro: Victory Onuetu (10), Álex Galán (9), Alonso Grela (8), Strahinja Mićović (3), Millán Jiménez (2), Sergi Quintela (7), Pablo Harguindey (5), Jake Stephens (13), Oliver Stević (8), Toms Leimanis (16).
62 – CB Prat: Peñarroya Castilla (7), Costa Vázquez (8), Arikawe (5), Sesé Frasnedo (8), Ordóñez Ochoca (10), Del Castillo Lindo (0), Nogués Jarne (11), Platteuw Fernández (6), Martí Fontanals (5), Carreño Vidal (2).
Cuartos: 27-13, 43-30, 62-47, 81-62.
Árbitros: Jacobo Rial Barreiro, Alejandro Pellitero González, Daniel López Illan.
Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada da Copa España disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o 12 de novembro de 2024 ante 2.561 espectadores.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)