Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Monbus Obradoiro xa conta cun novo líder no banco para a tempada 2025/26. O club pechou a incorporación de Epi como adestrador principal, dando así o primeiro paso na construción do novo proxecto deportivo.
Natural de Burgos (1978), Epi conta cunha ampla e contrastada traxectoria nos bancos do baloncesto estatal. A súa carreira comezou na tempada 2004/2005 na antiga LEB Prata, co Autocid Ford Burgos, onde permaneceu durante 12 tempadas. Durante ese período exerceu como adestrador axudante de técnicos como José Luis Oliete, Ñete Bohigas, Gonzalo García de Vitoria e Andreu Casadevall.
Ao longo da súa carreira, Epi demostrou a súa capacidade para liderar proxectos ambiciosos, sumando ao seu palmarés tres ascensos á Liga Endesa (ACB), con San Pablo Burgos, Río Breogán e Leyma Coruña.
Coa súa chegada, o Monbus Obradoiro dá un paso decisivo na confección do equipo de cara a unha ilusionante tempada 2025/26. Héctor Galán, director xeral e deportivo, móstrase moi satisfeito de anunciar a incorporación de Epi ao banco do Monbus Obradoiro para as dúas vindeiras tempadas. “É unha maneira perfecta de iniciar un novo proxecto. O noso segundo ano na Primeira FEB e incorporamos un técnico de experiencia absolutamente contrastada, de moitos anos e éxitos na categoría, capaz de acadar ata tres ascensos con tres conxuntos diferentes. Desexámoslle a mellor das sortes para esta tempada.”
Pola súa parte, Epi mencionaba estar «moi ilusionado porque un Club como o Obradoiro pensase en min para dirixir este proxecto desde o banco.»
«Agradecer a Raúl e a Héctor polo seu interese e polas facilidades que en todo momento me amosaron para que me incorporase ao Club. Moitas ganas de comezar a confeccionar a plantilla para a tempada que vén e de adaptarme o máis rápido posible ao Club e á súa forma de funcionar.»
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)