AD

Actualidad

O parque de bombeiros de Santiago queda inoperativo por terceira vez en poucos días

today4 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Por terceira vez en apenas uns días, o Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela volve quedar inoperativo. Segundo denunciaron os propios profesionais, só catro bombeiros e bombeiras están de servizo durante 24 horas para protexer a capital de Galicia, cidade Patrimonio da Humanidade.

Esta situación, advirten, obriga a solicitar apoio ao 112 en caso de emerxencia, o que implica mobilizar efectivos doutros concellos e retarda a saída dos medios, multiplicando o tempo de resposta e poñendo en risco tanto á poboación como aos propios bombeiros. “Cada minuto conta cando hai vidas en perigo, e nós xogámonos a nosa en condicións laborais que rozan o inaceptable”, sinalan.

O Plan de Emerxencia Municipal aprobado polo propio Concello de Santiago establece que o servizo debe contar con 12 efectivos por quenda, mais na actualidade só hai un terzo desa cifra. “Mentres o papel promete seguridade, a realidade é un servizo colapsado, esgotado e incapaz de garantir unha resposta mínima ante emerxencias”, aseguran.

Os bombeiros lembran que o número mínimo operativo non debería ser inferior a nove profesionais, xa que mesmo con esa cifra non sería posible atender dúas emerxencias simultáneas, deixando a cidade nunha situación de “vulnerabilidade absoluta”.

“Estase xogando coa seguridade de miles de persoas e co patrimonio histórico dunha das cidades máis emblemáticas de Europa”, denuncian, e subliñan que non se trata dun problema puntual, senón “dun fallo estrutural, consecuencia directa de anos de abandono e de inacción política”.

A pesar das carencias, os bombeiros composteláns aseguran que seguen cumprindo coa súa responsabilidade “con dignidade, profesionalidade e entrega, como levamos facendo desde hai máis dun século”.

  • Porén, lanzan unha advertencia clara:
    “Non se pode garantir a seguridade cidadá cun servizo baixo mínimos.”
  • “A cidade está desprotexida.”
  • “Antes de lamentar o irreparable, é hora de actuar.”

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *