Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 diciembre, 2025
Dani Pardo vive a música como un acto de identidade. O cantante galego presentou en Radio Líder Santiago o seu novo traballo, un pasodobre inédito dedicado a Galicia e, especialmente, á xente que tivo que marchar fóra. Un tema cargado de sentimento e morriña que nace, segundo explicou, “pensando na xente emigrante, nos galegos que están ou estiveron fóra, porque a morriña está sempre aí”.
Durante a entrevista, Pardo reivindicou con firmeza a verbena tradicional como parte esencial da cultura galega, apostando por un estilo cada vez menos frecuente nos escenarios actuais. “Galicia é moitas cousas, pero Galicia é verbena”, afirmou, defendendo a necesidade de conservar a raíz fronte a un modelo máis centrado no espectáculo e no show.
O artista, de 33 anos, recoñece que a súa proposta vai a contracorrente, pero tamén que atopou aí un camiño propio. “As orquestras hoxe van por outros derroteros, e eu aproveito ese oco. Vou á verbena pura, á esencia”, explicou. Unha influencia que bebe directamente do que escoitaba na casa desde neno, con referentes como Miguel Torres ou a Orquesta Compostela.
Na actualidade, Dani Pardo actúa en formato solista, con música pregravada e voz en directo, un modelo que considera máis viable para as festas das aldeas. “Cada vez é máis difícil contratar grandes orquestras. As comisións de festas optan por formatos pequenos, e hai que adaptarse”, sinalou, lembrando tamén o declive demográfico do rural galego.

Máis alá dos escenarios, Pardo subliñou a importancia de moverse, de manter activas as redes e de loitar por un proxecto propio. “Cando non estás nun lado, estás noutro. Hai que moverse, senón non fas nada”, dixo, recoñecendo que traballa con varios representantes, pero sen perder nunca o control do seu camiño artístico.
Un dos seus grandes obxectivos pasa por levar a súa música á diáspora galega. Países como Suíza, Arxentina ou Uruguai están no seu horizonte. “Fóra valórase moitísimo máis este tipo de música, sobre todo se é galega e inédita. O sentimento que hai cando estás lonxe fai que isto pegue moito máis”, asegurou.
A composición do novo tema corre a cargo de Fede Cedeiro, un encontro creativo que xurdiu case por sorpresa. Para Dani Pardo, o verdadeiro éxito é que a xente faga seu o tema: “O bonito é chegar a unha festa e que che pidan esa canción, que xa a escoitaron na radio. Iso é o que anima e dá vida”.
O cantante tamén falou do impacto que tivo a súa participación na Televisión de Galicia, especialmente cando presentou a súa idea musical propia. “Foi aí cando me cambiou a vida por completo. Levo case tres anos sen parar”, recoñeceu.
De cara ao futuro, Dani Pardo mantén os pés no chan pero a ilusión intacta. Seguirá lanzando novos temas, combinando estilos actuais con ritmos latinos, pero sen abandonar o seu núcleo artístico. “O meu forte é a parte galega. O pasodobre non morreu, nin a canción galega. Mentres poidamos, imos tentar que non morra”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)