Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 mayo, 2025
Redacción, 13 de maio de 2025.- O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a cultura, o deporte e a lingua darán a man na 11ª edición da Carreira Camiño das Letras, unha das citas máis simbólicas do calendario galego. Con saída dende o Pico Sacro e chegada na Cidade da Cultura, o evento reunirá a centos de participantes para celebrar Galicia a través do movemento. “Esta non é unha carreira calquera, é unha proba que pretende concienciar sobre a importancia do galego. E que mellor día para facelo que o Día das Letras Galegas”, explica Antonio Riveira, membro da organización, nunha entrevista en Radio Líder Santiago.
A carreira ofrece dúas opcións principais:
Un trazado de 5 km polo Bosque de Galicia e o Gaiás, pensado para quen prefira unha versión máis lixeira.
“Se o día está bonito, a vista dende o Pico Sacro é espectacular: ves o Barbanza por un lado e a Catedral polo outro”, destaca Riveira.
A proba tamén contempla carreiras infantís, dende categorías SUB-6 ata SUB-14, con distancias adaptadas e medallas de agasallo. Un dos obxectivos é involucrar a familias enteiras e fomentar hábitos saudables desde idades temperás.
Este ano, como novidade, haberá premios económicos para os clubs federados mellor clasificados, así como lotes de libros en galego para os tres primeiros de cada categoría. “É unha forma de dinamizar a lingua. Todo na carreira está en galego: os avisos, os cartaces, a comunicación. É o noso leitmotiv”, afirma Riveira. “Falamos galego, só faltaría.”
Os participantes recibirán como agasallo un libro en galego xunto ao dorsal, e ao final do percorrido poderán repoñer forzas cunha degustación de Ternera Gallega con denominación de orixe. “Os que corremos estamos afeitos a recibir un plátano e unha botella de auga. Pero se che dan Ternera Galega… pois corres un chisco máis rápido”, bromea o organizador.
A organización dispón de autobuses lanzadeira desde a Cidade da Cultura ata o Pico Sacro e un guardarroupa para facilitar a loxística dos participantes. En total, máis de 80 persoas, entre voluntarios, Protección Civil e Policía Local, forman parte do operativo. “Sen os voluntarios isto non sería posible. Hai máis de 50 repartidos por todos os cruces, sinalando, animando… É un traballo invisíbel, pero esencial.”
Con preto de 600 corredores cada ano, a Carreira das Letras é xa unha referencia no calendario deportivo galego. Cun espírito festivo, familiar e reivindicativo, mantense fiel ao seu obxectivo orixinal: poñer a lingua galega no centro da acción. “Ao final, isto naceu da unión de tres cousas fermosas: a lingua, a cultura e o deporte. Tres ingredientes que, xuntos, son espectaculares”, resume Riveira.
As inscricións están abertas ata o 14 de maio en www.carreirasgalegas.com, cun prezo simbólico de 13 euros para a de 15 km e 6 euros para a de 5 km. Para os cativos, o custo é aínda máis reducido, coa idea de fomentar a participación sen buscar beneficio económico.
A chegada á Cidade da Cultura promete ser outro dos momentos memorables. O trazado deseñouse para minimizar os elementos artificiais e resaltar a beleza natural e arquitectónica do lugar. “Queremos que a xente vexa o Gaiás tal como é, sen arcos nin vallas de plástico. É un espazo emblemático e temos que coidalo”, conclúe Riveira.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)