Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 febrero, 2026
• Celebrarase o domingo 22 de febreiro, a partir das 17.30 horas e mantendo o mesmo programa e percorrido previsto
• Concello toma a decisión pola previsión de choivas para a tarde do domingo 15, data inicial prevista, e para garantir a seguridade das persoas participantes
• O percorrido transcorrerá pola rúa dos Mollaos, a praza de Forcarei e culminará na praza do Concello
• O certame mantén a importante suba de premios da pasada edición, repartindo preto de 3.000 euros en sete categorías
• As inscricións poderán realizarse no rexistro do Concello e o propio día do evento, de 16.00 a 17.00 horas
O Pino. 15-2-26.- O Concello do Pino decidiu aprazar para o domingo 22 de febreiro o primeiro desfile de Entroido e o XXVI Concurso de disfraces polas previsión de fortes choivas para a tarde deste 15 de febreiro, data inicialmente prevista para celebrar o destile. O resto do programa mantense como estaba previsto. Tamén se amplía o prazo de inscrición ata o domingo 22. Lémbrase que a inscrición pode facerse en liña (na sede electrónica), no rexistro do concello de luns a venres, ou presencialmente o mesmo día do desfile de 16.00 a 17.00 horas.
Este ano, o Entroido no Pino chega cunha destacada novidade: por primeira vez, o Concurso de Disfraces, que alcanza a súa XXVI edición, desenvolverase cun desfile aberto polas rúas do Pedrouzo, reforzando así o carácter participativo e festivo da cita.
Despois de aprazar o desfile, o evento celebrarase o domingo22 de febreiro, a partir das 17.30 horas, cun percorrido que partirá da rúa dos Mollaos, atravesará a praza de Forcarei e rematará na praza do Concello onde, como é tradición, haberá unha carpa e se celebrará unha gran festa.
Con esta incorporación, o Concello do Pino busca dar maior visibilidade ao Entroido, favorecer a interacción co público e seguir potenciando unha celebración que combina tradición, creatividade e dinamización social e económica do municipio.
O certame está aberto á participación de persoas individuais e agrupacións, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras. No caso de participantes menores de idade, será necesaria a correspondente autorización da persoa representante legal.
Categorías e premios
O XXVI Concurso de Disfraces manterá as sete categorías competitivas, todas elas con premios en metálico, mantendo os mesmos importes que na pasada edición.
Na categoría infantil, dirixida a nenos e nenas de ata 12 anos, establécense dous premios: 150 euros para o primeiro posto e 100 euros para o segundo. O premio na modalidade individual adultos será de 150 euros, mentres que as parellas optarán a unha dotación de 200 euros.
Os grupos, formados por entre 4 e 9 persoas, competirán por un premio de 300 euros, ao tempo que as comparsas, cun mínimo de 10 integrantes, poderán acadar un premio de 700 euros. As carrozas, que deberán contar con polo menos 4 persoas sobre unha estrutura móbil decorada, estarán dotadas cun premio de 500 euros.
Como recoñecemento á creatividade e á innovación, outorgarase tamén un premio específico ao disfrace máis orixinal, cunha dotación económica de 200 euros.
O xurado valorará a orixinalidade, a posta en escena, o uso de materiais reciclados e o fomento da lingua galega. As agrupacións poderán realizar pequenas representacións (3-4 min) para gañar o favor do público e do xurado. Os premios entregaranse durante o propio evento e serán abonados posteriormente mediante transferencia bancaria, previa presentación da documentación requirida dentro do prazo establecido nas bases.
Inscricións
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio día 22 de febreiro de 2026. As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica municipal; presencialmente no Rexistro do Concello do Pino; e tamén o mesmo día do evento, entre as 16.00 e as 17.00 horas, antes do inicio do desfile.
As bases completas do XXVI Concurso de Disfraces do Entroido 2026, así como os formularios de inscrición, estarán dispoñibles na web www.opino.gal (neste enlace)
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Educación e Cultura, na Casa da Cultura (Rúa do Peregrino, 10), ou chamar ao teléfono 981 511 065.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)