AD

Comercio

O Pino demostra a súa solidariedade na III Masterclass de zumba a prol de Acem

today7 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Máis de 50 persoas do Pino e de concellos veciños desafiaron o temporal e acudiron disfrazadas ao pavillón de Lameiro

• O éxito de convocatoria reafirma o compromiso da comarca co labor que desenvolve a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple

O Pino. 7-2-2026.- A III Masterclass Solidaria de Zumba organizada polo Concello do Pino celebrouse este sábado no pavillón de Lameiro nun ambiente marcado pola participación, o compromiso social e o bo humor, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas.

Máis de 50 persoas de todas as idades, procedentes tanto do Pino como de concellos da contorna, responderon á convocatoria e participaron nesta cita solidaria, moitas delas disfrazadas con motivo do Entroido, enchendo o recinto de ritmo, cor e solidariedade.

O evento contou coa presenza dos concelleiros Borja Castro, José Fuentes e Gerardo Pintor, do técnico municipal de Deportes David Castiñeiras, así como de Fátima Sánchez, presidenta de ACEM Santiago (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras).

O concelleiro de Deportes, Borja Castro, puxo en valor “a implicación das persoas participantes, que non dubidaron en achegarse ao pavillón malia a chuvia, así como a xenerosidade dos monitores e monitoras que colaboraron de xeito altruísta”, destacando tamén o labor esencial que desenvolve ACEM Santiago no apoio ás persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas.

Pola súa banda, Fátima Sánchez sinalou que “coa vosa participación aquí o que estades facendo é contribuír a que a calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades sexa un pouquiño mellor”, agradecendo especialmente o apoio do Concello do Pino e a elección da asociación como entidade beneficiaria desta iniciativa solidaria.

Na masterclass participaron de maneira totalmente altruísta Angy, Cris, Ainhoa, Jank, Lena, Leti, Luis, Nuria e Kathy, que contribuíron a crear unha tarde chea de enerxía, música e compromiso social.

A totalidade da recadación obtida coa venda de entradas, cun prezo simbólico de 5 euros para persoas adultas e 2 euros para menores, destinarase a ACEM Santiago, reforzando así o carácter solidario desta actividade.

 

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *