Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 24 de novembro de 2023.- A Corporación municipal aprobou esta mañá nun pleno extraordinario, celebrado no Pazo da Peregrina, a modificación do suplemento de crédito 1/2023, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais (baixa de créditos). Tamén se aprobou o suplemento de crédito 3/2023 por importe de 337.680,26 euros. A gravación do pleno pódese ver na canle de Youtube do Concello de Ames.
O primeiro punto que se abordou foi a modificación do suplemento de crédito 1/2023, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais (baixa de créditos). Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do goberno municipal e do Partido Popular. As/os edís do Bloque Nacionalista Galego e de Espazo Común votaron en contra.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de expoñer este primeiro punto. Susana Señorís dixo que “o Concello de Ames aprobou o pasado 11 de maio de 2023 o suplemento de crédito 1/2023. Neste suplemento de crédito aprobáronse unha serie de actuacións que por distintos motivos non vai ser posible executalas neste exercicio 2023 como son a implantación dunha antena de telecomunicacións en Agrón xa que o importe é superior; as obras de pavimentación nas rúas Poeta da Maia, Xesteira e Fieira, situadas en Bertamiráns, por incumprimento do contratista; e maila pavimentación de viarios en Casanova, na parroquia de Biduído, xa que a día de hoxe non dispoñemos dos permisos necesarios”.
A concelleira de Servizos Económicos tamén explicou que “dende os servizos económicos indican a existencia de facturas pendentes de aprobar xa que o crédito nas distinta áreas afectada é insuficiente e cuxo importe ascende a 200.890,50 euros. Tamén informan da necesidade de suplementar crédito en determinadas partidas de gasto, xa que consideran que o crédito resulta insuficiente de aquí ao remate de exercicio. Dito importe a suplementar ascendería a 136.789,75 euros. Polo que sería necesario tramitar o suplemento de crédito 3/2023 por importe de 337.680,26 euros”.
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo sobre ese asunto: “atopámonos novamente cunha modificación de crédito. Digo outra vez porque hai que lembrar que este suplemento de crédito aprobouse no pasado mes de maio, pero xa sufriu unha primeira modificación en setembro, a través da cal se deixou de facer unha senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Trasmonte. Agora o goberno socialista, encabezado polo señor García, quere facer cómplice á oposición da súa falta de planificación e xestión. Obras que hai seis meses se nos presentaban como urxentes e inaprazables xa non o son ou non o son tanto”.
O voceiro do BNG, David Santomil, destacou que “estamos ante un novo recorte que terá o apoio do socio na sombra deste goberno que é o Partido Popular. Hai obras que no seu día foron pactadas por un goberno de coalición progresista e de esquerdas e agora eses mesmos investimentos vense eliminados por un acordo entre o parido socialista e mailo Partido Popular. Pasou hai uns meses co proxecto de Trasmonte e agora, a pesar das nosas advertencias, volven a facelo de novo co proxecto de Casanova, argumentando que os permisos non chegan a tempo. Queremos coñecer a data exacta de cando se solicitaron ditos informes. Vostedes prométenlle á veciñanza investimentos, que despois recortan, escusándose na falta de permisos, co acordo do Partido Popular”.
Por parte do Partido Popular interviu o concelleiro Pablo Beiroa, que dixo “trátase dunha modificación que no momento da aprobación deste suplemento de crédito igual non se podía prever, pero agora hai que realizala porque hai que atender outros investimentos. Sobre ese pacto que di o señor Santomil que temos co partido socialista, teño que dicir que o único pacto que podemos ter é para atender as necesidades dos veciños e veciñas. Mantendo a liña de coherencia que aplicamos sempre, nós imos a votar a favor porque son investimentos importantes e que non se poden aprazar. Non creo que teña culpa o Concello de Ames sobre que unha empresa entre en concurso de acredores ou non cheguen os permisos a tempo”.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou sobre a falta de consenso sobre este asunto que “os grupos políticos con representación nesta Corporación municipal somos practicamente os mesmo que na anterior. O cambio que se produciu neste mandato está claro por onde vén. Aqueles que antes lle solicitaban aos grupos da oposición unanimidade e apoiar máis algunhas cuestións, son hoxe en día os que se están opoñéndose a todo. Non contábamos co seu apoio porque é a liña que están mantendo nos últimos plenos. A nosa única coalición é cos veciños e veciñas de Ames, pero con ninguén máis”.
Suplemento de crédito 3/2023
O segundo punto que se abordou foi a aprobación do suplemento de crédito 3/2023 por importe de 337.680,26 euros, que foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do goberno municipal e do Partido Popular. As/os edís do Bloque Nacionalista Galego e de Espazo Común abstivéronse.
Este tema tamén foi exposto pola concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, que dixo “seguindo co explicado no punto anterior, traemos a este pleno a aprobación deste suplemento de crédito financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. É necesario tramitar este suplemento de crédito, por un importe de 337.680,26 euros, debido á existencia de facturas pendentes de aprobar xa que o crédito nas distinta áreas afectadas é insuficiente e cuxo importe ascende a 200.890,50 euros. Tamén é necesario suplementar crédito en determinadas partidas de gasto, xa que se considera que o crédito resulta insuficiente de aquí ao remate de exercicio. O importe a suplementar ascende a 136.789,75 euros”.
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, manifestou “estamos asistindo a outro asalto a caixa de tesourería, o terceiro en escasos meses. Todo isto a costa de sacrificar actuacións que hai seis meses se consideraban urxentes e inaprazables. Nos últimos meses pasamos de ter un remanente de tesourería de máis de oito millóns de euros a pouco máis de 300.000 euros, o que evidencia claramente a falta de rigor e seriedade á hora de planificar a xestión e mailos gastos. A tramitación destes tres suplementos de crédito poñen ao Concello nunha situación que pode afectar a súa situación financeira”.
A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, comezou a súa intervención dedicándolle unhas palabras a todas as mulleres que sofren a barbarie da violencia machista e dixo “hoxe, mañá e sempre, ningunha máis”. Sobre o segundo punto da orde do día, en primeiro lugar agradeceu “o traballo do departamento económico do Concello por todo o traballo que fan e porque son un piar clave no funcionamento do Concello”. A continuación dixo “estamos de acordo que neste suplemento hai partidas que son necesarias porque hai que pagar facturas pendentes de pago, pero dito suplemento de crédito está ligado coa eliminación de partidas de proxectos que se lle prometeron no seu día a veciños e veciñas e foron aprobadas en pleno, polo que non podemos participar na aprobación deste suplemento de crédito, e por iso nos vamos abster”.
O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo que “na liña do exposto no punto anterior, trátase dun suplemento de crédito para facer efectivo o pago de diversas facturas que non tiñan dotación orzamentaria ou que era insuficiente, e tamén para facer novos investimentos, polo que imos a votar a favor”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)