Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 abril, 2025
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, denunciou hoxe, con contundencia, o estado de abandono que sofre o barrio do Castiñeiriño, que supón un claro “símbolo do fracaso e do desleixo que define ao actual goberno municipal”.
Rubio advertiu que esta área compostelá, a pesar de ser unha das zonas con maior potencial de crecemento e vida da cidade, “leva dous anos completamente esquecida polo goberno, quen nin sequera foi quen de acometer as melloras máis básicas que a veciñanza leva reclamando dende hai tempo, deixando este espazo nun estado indigno e intolerable”.
O edil popular puxo o foco “no deterioro evidente de rúas como o Chícharo ou Divina Pastora, onde xa se teñen producido incidentes tanto con vehículos como con peóns, así como na praza Federica Montseny, que presenta un estado lamentable e que exemplifica a deixadez coa que se xestionan os espazos públicos”.
“A realidade do Castiñeiriño non é unha excepción: é unha mostra clara de como este goberno prioriza a propaganda por riba das necesidades reais da xente, é evidente que non hai planificación, non hai investimentos, non hai compromiso cos barrios, só hai abandono e escusas”, afirmou Rubio.
Borja Rubio concluíu esixindo unha reacción inmediata por parte do goberno local, posto que “mentres eles falan de sustentabilidade e coidado do espazo público, os barrios da cidade afóganse na deixadez. A veciñanza do Castiñeiriño merece algo mellor, merece, polo menos, que non se lles desprece desde o propio goberno”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)