AD

Actualidad

O PP de Santiago advirte que coa falta de limpeza volverán a producirse asolagamentos na cidade

today12 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

• O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, comprobou que a situación é incluso peor que a do ano pasado, xa que hai moita maleza sen limpar, que tupe varias zonas do río; e os sumidoiros están cheos de follas.

• “A pesar de que o Pleno acordou o pasado ano a elaboración dun plan de revisión periódica e mantemento preventivo das ribeiras -dixo-, o goberno nacionalista non fixo nada ao respecto”.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, advertiu hoxe que, por terceiro ano consecutivo, “hai que volver a denunciar o abandono ao que someten BNG e CA a limpeza e mantemento dos ríos ao seu paso polo municipio, a pesar de que, precisamente, esa falta de coidado está detrás de varios dos importantes asolagamentos que se produciron nos últimos anos en barrios e parroquias da capital de Galicia”.

O popular remarcou que, “no pasado mes de febreiro, o Pleno aprobou unha iniciativa nosa, co fin de que os servizos municipais intensificaran a revisión e mantemento das ribeiras dos ríos, para garantir unha limpeza exhaustiva das mesmas”

“A idea -subliñou De la Fuente-, era facer un plan de actuación que localizara os puntos máis problemáticos nos que se teñen producido asolagamentos de forma recorrente e que se aproveitara o verán para facer as labores de limpeza, roza e mantemento, e así garantir que, antes do mes de setembro, todas as beiras dos ríos foran revisadas e obxecto dunha intervención adecuada”.

O edil popular indicou que a realidade é ben distinta, porque “o goberno nacionalista non fixo nada de nada, e xa non se poden agochar detrás da falta de tempo ou de acontecementos meteorolóxicos imprevisibles, porque contaron con meses de sobra e están avisados por veciños e oposición, polo que son coñecedores desta problemática, a pesar do cal non tiveron a ben poñerse a traballar e limpar os ríos e as redes de sumidoiros da cidade”.

“Con isto, -indicou- a estas alturas, cando todo debería estar feito esperando as primeiras chuvias, nin se limparon rios, nin se sanearon sumidoiros, que poden verse obturados pola inxente cantidade de folla que inunda as nosas rúas”.
José Ramón de la Fuente explicou que, “a pesar de que isto leva anos sucedendo e as chuvias sempre acaban chegando, o BNG non fixo absolutamente nada para limpar a ribeira dos ríos e prever unha situación que se dá ano tras ano, sen que se tome conciencia do problema e das consecuencias que teñen para a veciñanza”.

“No inverno do ano pasado, a pesar de que advertimos desta circunstancia, a indolencia dos nacionalistas e a súa falta de previsión provocou, en varios puntos da cidade, inundacións que poderían terse evitado se se tivera feito una adecuada limpeza de árbores e maleza”, destacou.

Finalmente, o popular insistiu en que “a neglixente xestión e nula capacidade do BNG e CA estanlle costando moi cara aos santiagueses, o BNG non é capaz de traballar para tentar evitar que se inunden as vivendas dos veciños que levan tres anos seguidos sufrindo esta situación”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *