Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 marzo, 2024
O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira Olaya Otero, afirmou que apostan pola creación dun censo municipal de locais comerciais baleiros. Por iso, salientou, “levamos a Pleno unha proposta que se aprobou por unanimidade hai 3 meses pero a día de hoxe nada se sabe sobre a nosa iniciativa”.
“A nosa proposta susténtase na necesidade de proporcionar información detallada e actualizada sobre o estado dos locais dispoñibles, as súas características e as actividades para as que están acondicionados”, indicou Otero Sanjurjo.
A popular remarca que “este censo pretende ser unha ferramenta que proporcione aos empresarios e autónomos, que queiran desenvolver a súa actividade en Santiago, unha maneira sinxela de atopar o local mais axeitado”. Así mesmo, incluiríase información sobre negocios que, sendo economicamente viables, están próximos ao peche por xubilación e así fomentar a remuda xeracional, evitando o cese da actividade e un novo local sen uso”.
Esta ferramenta pretende non só abordar a problemática dos establecementos sen actividade senón tamén, contribuír á vitalidade e seguridade das zonas comerciais.
Desde hai anos, o comercio compostelán afronta desafíos como os cambios nos hábitos de consumo, as compras en liña ou situacións como a xerada pola pandemia da Covid-19, situacións que, en moitos casos, supuxo o peche de negocios, o que afecta negativamente á vitalidade económica de zonas que antes eran o epicentro da actividade comercial da cidade.
Olaya Otero sinala que “na cidade estase a xerar unha desertificación comercial´ na que, a duras penas, sobreviven espazos afectados por unha desocupación crónica prolongada e os nacionalistas non parecen ter nas súas prioridades buscar solucións que arranxen esta situación”.
Así mesmo, remarca a popular, “o conxunto de locais comerciais baleiros e, non poucas veces, con aspecto descoidado, provoca un impacto negativo que dá a sensación de inseguridade para veciñanza e visitantes”.
A popular reiterou que “agardamos que o BNG comece a traballar e a pór en marcha as iniciativas aprobadas no Pleno, posto que, de non ser así, o órgano máis importante do Concello, seguiría a ser un ente baleiro de contido, como nos teñen acostumados os anteriores gobernos de esquerdas”.
Escrito por Líder Redacción
baixos comerciais compostela politica pp radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)