AD

Actualidad

O PP de Santiago esixe a inmediata licitación dos novos contratos dos CSC

today12 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

• “Ante unha situación que dura xa dous anos, reclamámoslle ao goberno local que aclare, publicamente, o motivo do retraso da licitación destes contratos e solicitámoslle -dixo De la Fuente- que remita á oposición os informes técnicos, xurídicos e económicos do expediente de contratación”.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, manifestou hoxe, en rolda de prensa, a súa perplexidade polo estado “indolente, opaco e caótico no que se atopa a xestión dos centros socioculturais de Compostela”. “Ante unha situación que dura xa dous anos, reclamámoslle ao goberno local que proceda a licitar, de forma inmediata, os novos contratos e solicitámoslle -dixo- que remita á oposición os informes técnicos, xurídicos e económicos que figuran neste expediente de contratación”.

De la Fuente remarcou que “é necesario que se lle garantan aos traballadores destes centros o mantemento das súas condicións de traballo; as actividades nos mesmos; e que se controle a execución do contrato de limpeza”.

“Se facemos un percorrido desde o inicio do mandato, -remarcou o popular- só atopamos falsas verdades e incompetencias, xa en maio 2024 o concelleiro de Centros Socioculturais comprometeuse a ter presentados os pregos e en marcha a licitación dos catro contratos dos CSC, pero, en setembro, os populares vímonos na obriga de denunciar a situación límite na que estaban ditos centros que seguían sen contratos”.

No pasado de mes de novembro, unha das empresas, farta de esperar a prometida licitación, solicitou, formalmente e por escrito, a rescisión do contrato; e os traballadores denunciaban o impago das súas nóminas, anunciando que en xaneiro de 2025 a empresa deixaba de prestar os servizos e, polo tanto, procedería á rescisión dos seus contratos.

“O goberno tivo máis dun ano para preparar o expediente, abrir a fase de adxudicación e adxudicar os contratos, pero, unha vez máis,-remarcou- volveu a mentir, porque cando estamos xa en marzo de 2025 todo apunta a que resulta xa imposible que teñamos contratos novos ao remate dos actuais, porque, ata o de agora, non se completou o expediente de contratación; non se publicaron os pregos: e non se abriu a fase de adxudicación”.

De la Fuente denuncia que, agora mesmo, “os servizos se están prestando coas empresas querendo deixar os contratos; cos traballadores coa incerteza do seu futuro laboral e cobrando as súas nóminas con retraso; e cos usuarios vendo que as actividades se suspenderán en calquera momento, polo que esta xestión só se pode cualificar de calamitosa e insostible”.

“Anúncianse suspensións de actividades pola incerteza sobre a continuidade da prestación do servizo; algún centro tivo que pechar varios días por falta de persoal ou polo frío; tamén por falta material; e algunhas actividades se realizan por monitores sen a titulación e formación contractualmente requirida”, destacou.

Así mesmo, explicou o edil popular, “o pasado Nadal, o programa de conciliación foi un auténtico fracaso, programouse un calendario de actividades que non cubriu as máis mínimas necesidades das familias”.

O concelleiro popular lembrou que, no pasado mes de outubro, o edil responsable fixo cambios no seu departamento, un axuste global de tarefas e funcións, renomeando labores, mudando funcionarios de postos, todo, supostamente, para un mellor funcionamento da rede de Centros.

Así que De la Fuente se pregunta: “onde está esa suposta mellora no funcionamento?, onde está a información que se pediu, como os escritos de Serviplustotal pedindo o reequilibrio económico e a rescisión de contrato; e se os pregos están listos desde setembro, por que non se publican?; por que se negan a entregar á oposición os informes técnicos, económicos e xurídicos que obran no expediente?; quen está negociando coa empresa e cos traballadores?; ou comprometeu o goberno algún cambio neses pregos que agora non pode cumprir?

“A alcaldesa decidiu delegar a xestión deste departamento en Compostela Aberta, quen xa xestionara este departamento cando gobernou en solitario, a etapa que se recorda como a máis convulsa e caótica na xestión dos CSC e, agora, estamos a vivir a segunda etapa negra destas instalacións, polo que a alcaldesa é responsable directa do que esta pasando”, agregou.

Finalmente, o popular remarcou que ao goberno local atragántaselle a xestión municipal, só hai que ver como vai a xestión dos transporte público, ou contrato da auga; ou a limpeza da cidade; a iluminación, ademais da incapacidade para xestionar o orzamento municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *