AD

Actualidad

O PP esíxelle a Sanmartín que demostre que medidas tomou tras os vertidos da nova depuradora

today23 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Adrián Villa reclamoulle á alcaldesa que “recite o cronograma da súa inacción, do seu pasotismo e, o máis importante, que diga como ten pensado levar a cabo a recuperación do río Sar, logo deste atentado medioambiental”.
  • “Dada a gravidade da situación -salientou Villa- apoiamos a iniciativa doutras administracións, na que non está incluído o Concello de Santiago, de denunciar ante á Fiscalía de Medio Ambiente esta neglixencia”.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, vén de esixirlle a Goretti Sanmartín que “recite, ensine e demostre que medidas tomou ese día 1, ese día 11 de outubro, co fin de parar os vertidos procedentes das obras da nova depuradora da Silvouta” e que explique que “responsabilidades vai asumir como alcaldesa».

Villa explicou que “comparecemos para pedir explicacións tras 12 días de silencio absoluto, 12 días dunha falta de información e transparencia sen precedentes, 12 días nos que arrasaron co río Sar, unha contorna que forma parte da Rede Natura 2000, é dicir, con protección a nivel europeo, pola súa riqueza ambiental”.

O edil popular destacou que “todo isto, ocorreu coa complicidade do goberno nacionalista que, desde o minuto 1, mirou cara a outro lado, non deu explicacións e non tomou ningunha medida para evitar que isto seguise sucedendo”.

Así mesmo, o popular reclamoulle á alcaldesa que “recite o cronograma da súa inacción, do seu pasotismo e, o máis importante, que diga como ten pensado levar a cabo a recuperación completa do río Sar, logo deste atentado medioambiental”.

“Dada a gravidade da situación -salientou Villa- apoiamos a iniciativa doutras administracións, na que non está incluído o Concello de Santiago, de denunciar ante a Fiscalía de Medio Ambiente esta neglixencia”.

O edil popular amosou a súa preocupación por esta alarmante situación e emulando ás propagandas contra a instalación de Altri, presentouse dicindo: “son Adrián Villa e a miña cidade, Santiago, está en perigo, por non dicir tamén Ames, Brión, Rois, Padrón, o río Ulla e a ría de Arousa”.

“E pregúntome -dixo- onde está Greenpeace?, onde está Adega?, onde están Luís Zahera, Martiño e Manuel Rivas? ou onde están todas as asociacións do parque temático do BNG?, onde está o BNG coas pancartas do seu, polo que vemos, ecoloxismo de postureo?”.

Villa incidiu en que “chama a atención ver como gritaron nos últimos meses para defender á ría de Arousa, na que desemboca un Ulla que ía “arrasar” e “colapsar” o ecosistema por culpa dunha industria en Palas de Reis e, en cambio, parece que nada pasa porque o río Sar, que desemboca na mesma ría, acabe contaminado con materia orgánica de residuos fecais”.

“O de Altri, -subliñou- formaba parte da factoría dos bulos do BNG, pero o arrase do ecosistema do Sar é unha triste e preocupante realidade; a diferenza é clara, no primeiro caso a falsa responsabilidade é da Xunta de Galicia que goberna o Partido Popular e, no segundo, a verdadeira responsabilidade é do Concello de Santiago, que goberna o BNG, por iso, os antes acusadores, agora gardan silencio absoluto”.

Adrián Villa insistiu en que estamos “ante un atentado medioambiental, tal e como tamén denuncian alcaldes e voceiros doutras formacións políticas, por certo, socios do BNG e da señora Sanmartín”.

O popular lembrou que esperaron a este luns, 20 de outubro, nove días despois do vertido, para celebrar unha reunión na que, ante a falta de capacidade do goberno nacionalista, se solicitou un plan de continxencia para evitar máis vertidos; e tamén foi este luns cando o goberno de BNG e CA considerou oportuno analizar os incumprimentos na autorización do vertido e onde Augas de Galicia lle tirou das orellas ao BNG, por non ter cumprido os protocolos de traballo e ter unha clara falta de coordinación para as fases de funcionamento da depuradora.

“Volvendo a este luns, 9 días tras o vertido, – engadiu Villa- Goretti Sanmartín tivo a caradura de dicir que “actuou desde o primeiro momento”, polo que nos preguntamos como pode mentir así?, porque todos sabemos que ata entón non se activou o proceso físico-químico completo que substituíse, alomenos parcialmente, o proceso biolóxico en execución”.

Finalmente, o edil popular agregou que “agardamos explicacións pormenorizadas de Goretti Sanmartín sobre o cronograma do desastre ambiental no río Sar e, por suposto, a que asuma a súa responsabilidade como alcaldesa de Santiago deste atentado ambiental sen precedentes”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *