Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 julio, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, reclamou de novo hoxe ao goberno local a posta en marcha dun Censo de Locais Comerciais Baleiros, co obxectivo de contribuír á recuperación e dinamización do comercio de proximidade na capital galega.
Segundo explicou a edil popular, “o obxectivo fundamental desta iniciativa é facilitar que todas aquelas persoas emprendedoras que busquen establecerse en Santiago poidan atopar, do xeito máis sinxelo posible, un local que se adecúe ás necesidades do seu negocio”.
Para Otero, a situación do pequeno comercio é crítica: “os cambios nos hábitos de consumo teñen producido impactos negativos sobre o comercio tradicional, provocando, nos casos máis graves, o peche de negocios”. Unha realidade que, segundo engadiu, “agrávase coa falta dunha estratexia clara por parte do goberno nacionalista para impulsar e revitalizar este sector clave da nosa economía local”.
A concelleira alertou sobre a “desertificación comercial” que sofre Compostela, onde conviven espazos sen actividade puntual con outros que levan anos baleiros, como é o caso das galerías comerciais. “A inacción do goberno local está a agravar as dificultades ás que se enfrontan as persoas comerciantes da cidade”, sinalou.
Neste contexto, Otero cuestiona ao executivo do BNG: “¿Ten algunha proposta o BNG para aproveitar e revitalizar estes espazos comerciais? ¿Pensan desenvolver algunha medida para contribuír a mellorar o grave problema de remuda que afecta tamén ao sector comercial? Polo que levamos vendo nestes dous últimos anos, a resposta é clara: non teñen ideas para mellorar a situación”.
A popular tamén advertiu que “o conxunto de locais comerciais baleiros non fai máis que contribuír á sensación crecente de abandono, sucidade e inseguridade que se respira cada vez máis en Compostela”.
Por iso, esixe ao goberno local que comece a traballar canto antes na creación deste censo, que debería incluír información detallada e actualizada sobre o número de locais dispoñibles na cidade, as súas características e os usos para os que están acondicionados.
Otero lamentou que o BNG siga sen facer caso aos acordos aprobados no Pleno Municipal, “moito nos tememos que, unha vez máis, ignoren por completo o que se acorda no Pleno municipal e non teñan nin comezado a traballar neste asunto”.
Finalmente, Olaya Otero concluíu que “a apatía dos nacionalistas pon de manifesto que, no que atinxe á promoción económica e ao apoio ao sector comercial, teñen a mesma estratexia que para a diversificación económica ou o impulso industrial de Santiago: ningunha”. E engadiu: “Insistimos unha vez máis en que saian da roda de inacción e do bucle de escusas no que se atopan, e que, polo menos, aproveiten as propostas que lles facemos desde o Partido Popular para mellorar a realidade da nosa cidade”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)