Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 julio, 2024
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, vén de denunciar as insuficiencias que están a sufrir os veciños do barrio de Vidán, sen que o BNG faga nada para a súa mellora, polo que reclama que, coa maior urxencia posible, se leve a cabo a instalación de mobiliario urbano e se dote de colectores de reciclaxe aos diferentes núcleos desta zona de Santiago.
O popular destacou que os nacionalistas teñen que realizar as xestións necesarias para que se proceda á limpeza de fincas, co fin de previr os xa habituais incendios no Monte Moas de Abaixo; e que, á maior brevidade posible, se actúe na rúa dos Caraveis, para dar acceso a vehículos e peóns garantido a súa seguridade.
“Esta zona carece, desde hai uns anos, da atención que merece, polo que se fai urxente que o BNG atenda as demandas da súa veciñanza e corrixa o deterioro e abandono que vén sufrindo”, subliñou Villa.
O Partido Popular visitou este barrio e reuniuse con numerosos veciños e veciñas, tentando recompilar os problemas que teñen, co compromiso de facer o posible para que o BNG leve a cabo as actuacións pertinentes.
“A día de hoxe, resumiu o popular, a veciñanza solicita mobiliario público, como bancos e papeleiras na rúa de Vidán, concretamente, a carón do lavadoiro e nas inmediacións do parque Vitoria Míguez; e que se mellore a recollida de lixo, posto que, chegado o novo contrato, varios núcleos deste barrio non contan cos diferentes colectores para poder reciclar”.
Dentro dos servizos básicos, tamén reclaman unha revisión do firme das pistas, xa que se atopa moi deteriorado, con numerosas fochancas que están a causar danos nos vehículos e supoñen un perigo para quen transite polas mesmas.
Por outra banda, pasado máis dun ano, a rúa dos Caraveis segue cortada por risco de desprendementos cara a rúa da Ponte Nova de Vidán; un risco que é dobre, posto que raíces e troncos das árbores da finca que dá cara o Camiño Real están no aire e a única solución que se lle ocorreu ao BNG é abrir a rúa ao tráfico nunha soa dirección e con bloques de cemento, “para evitar” que os vehículos se aproximen ao muro.
“Estamos ante un novo exemplo -salientou Villa- do desleixo do BNG cara a nosa cidade e a falla absoluta de xestión”
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)