AD

Actualidad

O PP denuncia a suspensión de actividades no Centro Sociocultural de Laraño polo seu abandono

today28 agosto, 2025

Fondo
share close
AD

• José Ramón de la Fuente destacou que “o goberno nacionalista ten absolutamente esquecida esta instalación, na que abundan, dende hai tempo, serias deficiencias que imposibilitan, incluso, a celebración das actividades normais dos usuarios”.

• Instou ao goberno local “a licitar, canto antes, os contratos dos CSC, para rematar con esta precaria situación e os centros socioculturais poidan funcionar como é debido e os usuarios reciban os servizos que pagan”.

O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, denunciou que “o goberno nacionalista ten absolutamente esquecido o local social de Laraño, no que abundan, dende hai tempo, serias deficiencias que imposibilitan, incluso, a celebración das actividades normais dos usuarios, por exemplo, chegaron a suspenderse as clases de informática, porque os ordenadores levan todo o ano avariados”.

De la Fuente explicou que esta instalación ten moitas anomalías, como problemas de funcionamento de sistemas de climatización, o que levou, varias veces, á suspensión de actividades; falta de mantemento preventivo para atallar humidades evidentes nas salas de reunións; e unha limpeza dimensionada ás necesidades da actividade e configuración do local social.

Así mesmo, agregou o popular, “tamén conta co mobiliario roto e inservible desde hai meses; o baño reservado para persoas con mobilidade reducida se usa como almacén de material; carece de saída de emerxencia no salón de actos, polo que non se pode garantir unha eventual evacuación en caso de emerxencia; e as fochancas da entrada ou mesmo o portalón de acceso ao recinto, ademais da insuficiente iluminación exterior, impiden a realización de actividades ao aire libre; e a falta de roza e podas nunha finca municipal contigua, que ten unha maleza que pode provocar algún problema en caso de lume”.

“É especialmente preocupante -indicou De la Fuente- o estado do parque infantil exterior, que non esta totalmente valado e os coches aparcan sen ningún tipo de separación; nalgún tramo o fan entre os elementos de xogo, orixinando un potencial perigo para as nenas e nenos”.

Para o popular, “resulta incomprensible que na recente renovación de elementos do parque infantil non se previra a imprescindible acotación do mesmo, porque nesta situación non cumpre normativa de seguridade e resulta perigoso para os cativos”.

“O certo, -aclarou De la Fuente-, é que Laraño non é alleo á xestión calamitosa do goberno nacionalista no relativo aos centros socioculturais, como xa denunciamos estes días, os problemas dos contratos da rede de Centros Socioculturais foron evidenciados tamén por usuarios, traballadores e empresas contratistas, algo que fixo que o goberno local proclamara, varias veces, a próxima licitación duns novos contratos, pero máis de ano e medio despois, logo de sucesivos anuncios de inminentes licitacións, o único que fixeron os nacionalistas foi volver a prorrogar os mesmos”.

“Nestas instalacións, os servizos non se están prestando adecuadamente, o sabe todo o mundo: os nacionalistas obrigaron ás empresas a seguir xestionando un contrato que non poden defender economicamente e a consecuencia é falta de persoal, de material e a suspensións de actividades”, subliñou.

O edil popular remarcou que “o goberno nacionalista mentiu á oposición e, o que é máis grave, enganaron a traballadores, usuarios e empresas, non se entende que non liciten uns contratos cuxos pregos, recoñeceu o propio concelleiro, levan máis dun ano redactados”.

Finalmente, De la Fuente instou ao goberno local “a licitalos, canto antes, para rematar con esta precaria situación e os centros socioculturais poidan funcionar como é debido e os usuarios reciban os servizos que pagan”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *