AD

Actualidad

O PP denuncia tres anos de “inacción” do goberno de Santiago en materia de vivenda

today11 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O popular avogou por “establecer incentivos fiscais municipais para quen rehabilite inmobles destinados a residencia habitual; bonificacións vinculadas ao alugueiro estable e de longa duración; axilización real de licenzas urbanísticas, reducindo prazos e simplificando trámites; e colaboración coa Xunta e o Estado”; entre outras medidas.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, acusou hoxe, en rolda de prensa, ao goberno de BNG e CA de “incapacidade total para resolver o problema da vivenda, ante a súa inacción, nos últimos tres anos, onde non teñen feito practicamente nada”.

Unha proba disto, explicou  Constenla, é a tramitación para que Santiago sexa declarada zona de vivenda tensionada, “levan 3 anos tratando de facer unha solicitude que por si soa non vai solucionar nada”.

Constela destacou que “o control do prezo dos alugueres é unha medida en boga en grandes cidades, pero non implica que sexa unha acción acertada, porque tal e como se está vendo alí onde se implantou, a oferta de vivenda viuse reducida, porque entre outros motivos, os caseiros teñan menos incentivos para investir no mantemento dos seus inmobles”.

O edil popular engadiu que “este fenómeno xa se pode ver en cidades como a Coruña, que dende a declaración en xullo do 2025, houbo unha retirada destacada de vivendas do mercado do alugueiro, é dicir, en só 5 meses, pasouse de 718 contratos formalizados en xullo a 354 en decembro, baixando o 51% da oferta, 364 fogares menos no mercado inmobiliario; ou Berlín, con subidas exaxeradas dende a súa implantación; en París, onde se creou un mercado negro do alugueiro que fixo caer a oferta; ou en Nova York, onde a falta de incentivos frea o investimento e mantemento nos edificios, provocando a degradación deses barrios”.

Lembrou que, “ata o de agora, tan só Cataluña e o País Vasco optaron por facelo; na primeira, o resultado foi que moitos donos retiraron as súas propiedades do mercado, ante a inseguridade xurídica, deixando de ser a comunidade autónoma con máis oferta de vivenda en alugueiro; e o País Vasco converteuse nunha das autonomías máis castigadas pola caída da oferta”.

José Antonio Constenla definiu a política urbanística do goberno de BNG e CA como “inexistente e froito da improvisación e ocorrencias do concelleiro de Urbanismo. Apostan por a prohibición constante. Primeiro foron os hoteis, despois os pisos turísticos, logo determinados usos comerciais. Sempre gobernando a golpe de ocorrencia”.

“A función residencial da cidade debe protexerse. O que discutimos é o método. Protexer non pode ser paralizar. A prohibición, por si soa, non crea vivenda. Non rehabilita edificios. Non abarata alugueres. Non axiliza licenzas. Non mobiliza so. Prohibir no equivale a planificar”, dixo.

“A política de vivenda do goberno de BNG e CA -matizou- é, sinxelamente, un fracaso: erraron na solicitude de zona tensionada; esperaron tres anos para ceder parcelas municipais para vivenda pública, mantendo solo dispoñible sen desenvolver, mentres falan de emerxencia habitacional; presentaron como gran solución ao alugueiro público social a proposta de compra, por case 500.000M€, dun único edificio de 5 habitacións na contorna do Arco de Mazarelos; e impulsaron a poxa de inmobles incluídos no “Rexistro de Solares e Edificacións Ruinosas”, que terminou no máis completo fracaso: 1 vendido e 3 no Xulgado. Ademais, da promesa de inicio de mandato dunha Empresa Municipal de Vivenda, da que nada sabemos”.

Constenla insistiu en que “Santiago necesita equilibrio, compatibilizar a súa condición residencial, universitaria, patrimonial e turística, polo que se fai imprescindible planificación a longo prazo, con obxectivos medibles, xa que gobernar é anticipar, ordenar e facilitar”.

Concluíu que, “dende o Partido Popular de Santiago, levamos tempo defendendo que o problema da vivenda debe abordarse cunha estratexia integral, por iso propuxemos a mobilización efectiva de solo para vivenda protexida; incentivos fiscais municipais para quen rehabilite inmobles destinados a residencia habitual; bonificacións vinculadas ao alugueiro estable e de longa duración; axilización real de licenzas urbanísticas, reducindo prazos e simplificando trámites; e colaboración coa Xunta e o Estado, para ampliar o parque público de vivenda; ademais de fomentar fórmulas de colaboración público-privada que permitan aumentar a oferta sen expulsar actividade económica”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *