Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 diciembre, 2025
O Partido Popular de Santiago reclamou a readmisión inmediata do voluntariado do Refuxio de Bando que foi apartado tras denunciar publicamente o sacrificio do can Gosu e a situación que, segundo os populares, se vive nas instalacións. Así o manifestou en rolda de prensa o concelleiro Adrián Villa, quen cualificou a decisión de “autoritaria” e denunciou unha “falta absoluta de transparencia” na xestión do Padroado.
Villa subliñou que o goberno local “está deixando Santiago á súa sorte” e advertiu de que “non hai ningunha área que funcione de forma correcta baixo o mandato do BNG e CA”, engadindo que, neste caso, a gravidade é maior ao tratarse “de vidas, como as dos animais”. Segundo indicou, a expulsión do voluntariado supón represalias contra persoas que realizan un labor altruísta e imprescindible para o benestar dos máis de 500 animais aloxados no refuxio.
O edil popular afirmou que a presidenta do Padroado, Goretti Sanmartín, está a tomar “decisións unilaterais e autoritarias” sen consultar ao órgano, formado por 14 membros, o que considerou “unha falta de respecto sen precedentes”. Ademais, criticou que a alcaldesa non participe de forma presencial nas reunións, escudándose na vicepresidencia para tomar decisións “sen dar a cara”.
Dende o PP lembraron que xa en xaneiro de 2024 se denunciou unha situación crítica no Refuxio de Bando e que, un ano despois, a situación non só non mellorou, senón que se agravou con avisos e infraccións alertadas polos representantes sindicais dos traballadores. Villa advertiu de que a falta de persoal, de instalacións adecuadas e de protocolos está a xerar unha situación de risco, chegando a provocar incidentes como o ataque dun can a un traballador, que, segundo afirmou, non se debeu á agresividade do animal, senón á ausencia de atención e traballo continuado cos cans.
Os populares tamén destacaron a mobilización social xerada tras o sacrificio de Gosu, posicionándose en contra da decisión e celebrando que se evitase o sacrificio doutros dous cans, Kaiser e Krenchy, que actualmente se atopan en proceso de terapia e recuperación para optar a unha adopción.
Adrián Villa insistiu en que as consecuencias da expulsión do voluntariado son xa visibles: os cans permanecen sen saír dos canís, non se realizan tarefas básicas de limpeza e, desde media tarde ata primeira hora da mañá, non hai persoal nas instalacións para atender ou diagnosticar posibles problemas nos animais.
Finalmente, o concelleiro popular lembrou que o pasado venres celebrouse unha longa reunión do Padroado que quedou sen conclusións nin solucións, quedando pendente unha nova convocatoria. “Seguimos á espera desa reunión para reiterar as nosas esixencias e obter explicacións claras por parte do goberno do BNG”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)