Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, denunciou hoxe, en rolda de prensa, o abandono ao que o BNG ten sometido á praza de Abastos, xa que os nacionalistas volven perder unha nova axuda, nesta ocasión son 112.000 euros para a revitalización do mercado, polo que as cantidades malogradas suman xa máis de 2,1 millóns de euros.
Para a popular, “esta é unha mostra grave da incompetencia do goberno nacionalista, que, unha vez máis, perde fondos para un espazo fundamental na economía e identidade da nosa cidade e que leva anos sufrindo nun declive continuado”.
Otero remarcou que “o máis lamentable é que o goberno local non parece ter interese en reverter a actual situación do mercado, como demostra a nova perda de cartos dunha subvención que tiña por obxecto realizar melloras nesta infraestrutura”.
“En apenas 6 meses, este “desgoberno” nacionalista conseguiu o triste récord de que o mercado de Abastos de Santiago se quede, nada mais e nada menos, que sen 2.112.000 euros: os 112.000 € de agora e 2.000.000 €, de Fondos Next Generation, perdidos no mes de novembro”, lembrou.
A popular subliñou que “estamos ante unha incompetencia e un desleixo absoluto, porque este non é un caso illado. A torpeza e falta de capacidade son evidentes, posto que as bases desta última subvención perdida establecían, claramente, que as axudas se outorgarían en réxime de concorrencia non competitiva, ou o que é o mesmo, ata que se esgotasen os fondos”.
“Como é posible, preguntouse a edil- que dispoñendo de dous meses para presentar a solicitude e sabendo a agonía que padece a praza, se espere ata dous días antes de que finalice o prazo para presentala?; entón, cales son as prioridades dos nacionalistas?, porque é evidente que este espazo tan emblemático non está entre elas”.
Olaya Otero insistiu: “como é posible que se perdan máis de dous millóns de euros e ninguén asuma responsabilidades? e, o que é peor, cantas subvencións máis van perder?, cantos recursos dos que podería dispor a veciñanza de Santiago van deixar ir pola súa falta de competencia?. Ante isto, esiximos ao goberno nacionalista explicacións públicas e que se asuman responsabilidades”.
Na súa intervención, a concelleira popular tamén lembrou que “nada se sabe, nin a oposición, nin as persoas que alí traballan, da nova modalidade de xestión, unha vez remate o actual contrato no vindeiro mes de agosto, pese a ter preguntado en varias ocasións”.
Otero incidiu en que “sería importante coñecer cando os nacionalistas teñen pensado comezar a facer uso da transparencia da que tanto presumen e que tan pouco exercen e cando van explicar cal é o seu proxecto para a praza de Abastos”.
“Dende o Partido Popular. -lembrou- xa presentamos no Pleno, unha iniciativa para establecer un Plan de traballo para esta instalación, con medidas concretas e un calendario con prazos de actuación definidos, ou o que é o mesmo, para empezar a actuar; iniciativa aprobada por unanimidade, pero que este goberno, á vista dos acontecementos, ignora, por elo, esiximos que se dea cumprimento a esta iniciativa e se poñan a traballar, estamos na metade do mandato e nada se ten feito para avanzar na revitalización do mercado”.
A popular destacou que “o BNG recorda, cada vez mais, a un hámster na roda, atrapado nun ciclo repetitivo de estudos, anuncios grandilocuentes e publicidade, pero que non avanza cara ningures, xa que a realidade demostrase con feitos e o triste é que nada se fixo para mellorar a calidade de vida da veciñanza, nin para dar resposta as necesidades reais da cidade”.
Finalmente, concluíu reclamando “explicacións pola perda destes 112.000 euros e esixindo que se cumpran os acordos plenarios e que informen sobre o tipo de xestión que se levará a cabo unha vez se remate o actual contrato da xestión da praza”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)